Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ ELLOS DAN EJEMPLO: yo me quedo en casa }

Dani Blanco: “Se saímos ás oito aplaudir pero logo imos facendo o parvo, non vale de nada”

Confinado no seu piso familiar do Milladoiro, xunto a parte da súa familia, tenta pasar da mellor forma posible Dani Blanco, estandarte do Santiago Futsal, canteirán e outro dos capitáns do equipo esta tempada, a corentena. É o seu modo de colaborar, o que se lle pide a toda a poboación, para facer fronte á pandemia do coronavirus, esa enfermidade que chegou para cambiarnos a vida a todos. No seu caso… “Coido que nunca pasei tanto tempo na miña vida sen tocar un balón, que é o que máis me gusta”, di, pero engade unha mensaxe de solidariedade e de comprensión: “Hai que facelo polo ben común, polo ben de todos e da nosa saúde”.
Dani revela de entrada o seu estupor pola situación, xamais vista nin vivida nos seus 26 anos; tampouco antes, certamente: quedarse todos, conxuntamente, na casa sen saír. E mostra toda a súa sinceridade: “Pois a verdade é que pásase mal. Estou nun piso, non teño balón nin teño nada. Tiven sorte ao longo da miña carreira coas lesións, non estiven nunca moito tempo parado e nunca pasei tanto tempo sen xogar”, afirma.

ACTIVIDADE. Aínda que estes días, dende que o Goberno decretou o confinamento nas casas, non ten adestramentos nin partidos, o parón na súa actividade física non é absoluto. Pero ten que adaptarse tamén á situación: na casa, como o resto do plantel de xogadores do Santiago Futsal, ten que realizar cada día a táboa de exercicios que lles mandan para manter certa forma.
“Non teño problema para facer os exercicios que nos manda para cada xornada o preparador físico, pero estou sen facer o que máis me gusta, adestrar ou xogar... é difícil para min, a que negalo”, di.
Pero pode seguir o ritmo dos adestramentos caseiros sen moita dificultade, aínda que confesa que tampouco ten os mellores medios: “Non teño na casa bici estática. Si que teño pesas, e tamén unha barra de dominadas, e con todo vou tirando. Pero o preparador físico xa manda as cousas adaptadas, pensando en que ninguén de nós vai ter demasiadas cousas para adestrar. Eu intento cumprir (ri), pero o certo é que a motivación é complicada, o que nos gusta aos deportistas é competir e non ter un obxectivo diante complica as cousas”.
Teense, de Rarís, Dani Blanco vive agora no Milladoiro “coa miña nai e a súa parella”. Na casa do seu pai está agora o irmán de Dani, “que tivo a sorte de volver de Indonesia cando empezou todo isto. O certo é que desde que volveu de Indonesia aínda non o puiden ver, para min é case coma se estivera alá”.
Súa nai, ademais, afronta a crise de saúde en primeira liña da loita contra o coronavirus: “Ela é auxiliar de Enfermería, traballa no Hospital Provincial; e a miña madriña, tamén”, explica Dani, quen admite que ten un certo medo, ou un temor, por elas. “Sei que son novas e fortes e que se son contaxiadas non van ter problema, pero un pouco de medo sempre tes”, di.

INSÓLITA. A situación é extraordinaria. “Nunca podes pensar que vai pasar algo así. Ninguén, nin os máis pesimistas, podían pensar isto tan raro: parece sobrenatural, de película de ciencia-ficción. Pero aínda que custe comprender o que nos mandan, está claro que hai que facelo. A forma de axudar aos que se están xogando a vida por nós, o maior aplauso que lles podemos dar, é quedar na casa: se saímos ás oito aplaudir e despois andamos facendo o parvo, non vale absolutamente de nada”, comenta.
E así queda Dani Blanco, na casa e sen tocar o balón. O fútbol sala queda agora afastado. “Home, mentiría se dixera que estes días non penso no equipo, en se volverá ou non a competición... penso bastante niso, bótoo bastante de menos e necesítoo. En ningún caso penso que imos descender. A Liga empéñase en reanudar a competición, eu véxoo moi difícil, non sei como farán para que se xoguen os partidos. Pero se se reanuda, por min encantado”.

03 abr 2020 / 22:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito