Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SEMPRE SE APRENDE

Dante e Ravena

    EN terceiro lugar, despois de Florencia e Verona, por varias razóns, a cidade de Ravena (Ravenna), foi tamén moi significativa na vida e na obra de Dante. Como sabemos, acusado de malversación de fondos, Dante foi condenado ao exilio e posteriormente á morte, en caso de que regresara a Florencia. A partir desta data Dante iniciou un largo exilio que ía durar o resto da súa vida.

    O poeta, como xa dixemos, deixou definitivamente Verona e a protección de Cangrande e comezou o seu camiño de peregrinación cara a Ravena -estamos a falar do ano 1318-. Alí, estivo protexido por Guido Novello da Polenta, un nobre que gobernou a cidade dende o ano 1316 ata un ano despois da morte do poeta e que sen cuxo acubillo e axuda non lle sería posible facer nada do que fixo.

    Non esquezamos que quizais como secretario e preceptor de retórica, Dante terminou a redacción do Paradiso. En efecto, o poeta florentino morreu no ano 1321, pouco antes de rematar o último verso da súa obra mestra. Alí, en Ravena, na igrexa de San Francisco repousan os seus osos.

    Foi para min unha honra e unha delicia comentar, representando a España, un canto da Divina Comedia na igrexa onde está a súa tumba, nun acto que en presencia das autoridade académicas, civís e dunha enorme multitude de cidadáns que cada ano non se queren perder o acto que venera ao seu cidadán máis prestixioso: Presenza di Dante in Spagna (Ravenna, Basilica di San Francesco/Tomba di Dante, 2001. La Divina Commedia nel mondo).

    Comprobei de primeira man o orgullo que senten os raveneses polo poeta florentino. Todos os habitantes da cidade móstranse vaidosos de ter a sepultura do autor máis importante de todos os tempos e, dende aquela, sempre me fago a seguinte pregunta: canto darían os florentinos por ter soterrado a Dante na súa cidade?

    A resposta é sinxela: os florentinos lamentaron e lamentarán telo enviado ao exilio; reclamaron os seus restos moitas veces, incluso en 1829 construíron u­nha tumba para el na basílica de Santa Croce pero, como era de esperar Ravena desobedeceu a orde papal e Florencia só recibiu un féretro baleiro.

    Hai lendas que din que os restos de Dante estarían ocultos nun convento franciscano da cidade ata que foron de novo descubertos no século XIX e desde ese momento están nun sobrio mausoleo de mármore, nun lugar discreto, certamente lonxe das ondadas de turistas.

    Dese xeito, os florentinos no pecado levaron e levarán para sempre a penitencia porque, non é o mesmo ter rúas, prazas e moitas estatuas do poeta que conservar os seus restos. É de xustiza, xa que logo, que permaneza para sempre na cidade que o recibiu, que o acolleu e goreceu ata o final dos seus días e que ata o día de hoxe tratou ao poeta máis recoñecido con grandes honores e solemnes homenaxes.

    Catedrática de Filoloxía Italiana na USC

    29 mar 2020 / 22:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito