Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

“Los Días” en ‘La Noche’ de Álvaro Cunqueiro

    I

    Veces abondas os artigos de Cunqueiro son tomados antes como pretexto que como textos, que o son por si. Neste caso, de hoxe, non se trata de coller, de acó e aló, temas ou motivos que están en varios libros que Cunqueiro in vita deu por bos, para ser trastocados de libros outros que non pertencen á bibliografía activa de autor, por comenencias editoriais, os dos escolmadores e catro páxinas –mal contadas de prólogo– se hai que chamarlle algo. Trátase, polo contrario, de presentar, tal cal, unha serie de relatos (que nos veñan dicir o distingo de narracións), seriados, correlativos. Dunha mesma remesa, ou camada, a de La Noche, nos anos que durou (1959-1962), no por decisión dos lectores, nin da dirección do xornal. Haberá exemplo mellor, de como Borobó e Cunqueiro, tan amigos sempre, por riba de outras diferencias –que ben está que as haxa, ata contrarias, nunca enemigas–, se levaron. Xa o dixo Arsenio nun spot memorable (había que ver como o dicía): —"Home, non todo vai ser fútbol".

     

    II

    Tralos artigos de Álvaro hai moitas lecturas, moitos libros de diversos aconteceres ou disciplinas, que se aviñan ós seus motivos. Non teño eu nova certa de que frecuentase –como Borges– a Enciclopedia Britannica, nin o Bompiani, pero si a máis socorrida de César Cantú que tamén leu Borges, mesmo.

    En calquera caso, nun artigo de Cunqueiro, deita o bocoi da súa cultura suculenta que ía trasfegando coa axuda daquela felicísima memoria. Un artigo culto, literario, suxerente, que nos levaba a mundos que non tiñamos albiscado, repletos de ensoñacións, imaxinativas, un artigo co seu debido decorum sen que faltaran nunca algunhas pingueiras de poesía, como un orballo matutino. Nunca consentiu que as persoas, as historias, caeran máis abaixo do rexistro da campechanía que Cunqueiro adoitaba.

    Era de agradecer das noticias de outras literaturas, de outros soñares que na autarquía non eran posibles, por cerrazón manifesta. Cunqueiro, que nos ensinou a ler, e por caso a escribir. De aí esa paideia que tanto nos ten mostrado, fóra desas congostras que non levaban a parte algunha, empetoutados na prosa mal escrita dos xornais que envilecen ou avilanan o estilo. Esa é a importancia unívoca de Cunqueiro na prensa: a súa calidade empoleirada noutros chanzos.

    Cunqueiro tivo dende o principio un público fiel que se foi sobrepoñendo a outros detractores trosmas e mal encarados. Cantas veces non terei oído, eu mesmo, da insolencia "do xílgaro de Mondoñedo", incapaz o insolente contumaz, da aleluia e trino do paxariño, que pode perdurar na nosa memoria, e na dos que nos sigan, máis que a cotovía de San Ero de Armenteira.

     

    III

    Máis de medio século levo eu ás envoltas con Cunqueiro. Veño dicir das diversas lecturas que teño feito da súa obra que admite –ben se sabe– distinta lección; nos libros maiores, os canónicos que lle permitiron lugar, de moi alto fuste, nas literaturas galega e castelá que cultivou a sazón.

    Pero sabede que todo o de Cunqueiro, e sempre obra completa, a maior e a menor, se acaso alguén nos vén dicir cal é, nunha e outra, cando nesta literatura de diario –cálamo currente– pode haber, porque as hai, espléndidos textos, verdadeiros primores de domingo ou de efeméride nacional.

    De aí –insisto– a propiedade destes artigos que foron flor dun día, veñan a lume, resgatados, nunha edición excepcional, ó coidado da sagacidade extraordinaria de Luís Alonso Girgado, e dos que lle axudaron –nomeadamente– Lorena Domínguez Mallo.

    Obra, esta de hoxe, imposible sen a constancia, a habelencia, o querer facer, o valemento, e os múltiples saberes de quen a levou a cabo. Obra que representa outro socalco na recuperación da obra cáseque esquecida ou ignorada de Álvaro Cunqueiro, da man, agora, do mecenado de "Follas Novas".

    O autor é escritor

    29 nov 2012 / 22:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito