Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Distopía apocalíptica

    ‘Anna’, a última novela do narrador italiano Niccolò Ammaniti, recentemente publicada en castelán por Anagrama, é unha incursión no que se acostuma coñecer como ficción distópica; a representación, neste caso, dun mundo apocalíptico poboado por nenos orfos, e que o autor sitúa nun futuro próximo, no ano 2020 e nun espazo inhóspito: nunha Sicilia en ruínas, estragada por un virus mortífero que, malia que tamén incuba nos nenos, soamente na xente adulta se converte en enfermidade mortal. É unha doenza descoñecida que arrasa o planeta. A familia de Anna, a principal protagonista, fora varrida do mapa xunto con millóns de adultos. Sobreviven Anna de trece anos e o seu irmán, Astor de catro. O mundo estase a transformar nun deserto apocalíptico. Sen adultos que impoñan orde, os nenos organizados en salvaxes hordas de esfarrapados recorren a Illa asaltando vivendas e calquera lugar onde pode haber algo para comer. Un cru escenario de silencio, fame, arrepío, con mandas de cans transformados en máquinas de matar.
    Neste contexto espacial coloca Ammaniti a protagonista da novela que, con unllas afiadas, intentará sobrevivir xunto co irmán, coa esperanza de que no continente a xente non morra aos catorce anos. Calabria seméllalles a terra prometida. Se cadra tampouco alí hai xente adulta, mais para os cativos representa o horizonte de esperanza para seguir loitando. É a utopía que renace no estourido dun mundo rexido pola morte.
    A novela é asemade a historia dunha arriscada viaxe, unha odisea fuxindo da morte, e unha novela de formación, de iniciación á vida, nomeadamente para Anna que, na fuxida do virus, experimenta o cumprimento das leis biolóxicas, a arribada da puberdade coas súas reclamacións hormonais que son ao mesmo tempo o aviso agoreiro da pronta chegada das manchas vermellas da doenza. Mais tamén entre a degradación e a barbarie hai un lugar para a experiencia do amor. A novela está rodrigada nunha exposición clara, nun bo deseño dos personaxes e na relación intertextual con moitos outras novelas como Lord of tehe Flies de W. Golding ou The Road de Cormac Mccarty.

    Crítico literario

    18 ago 2016 / 20:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito