Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Docentes do Monte Neme están a elaborar máscaras

Fabrícanas coas impresoras 3D do centro // Contan co apoio do Concello e de varias empresas que lles facilitan o material

A crise sanitaria e social provocada polo coronavirus está agudizando o enxeño e a solidariedade. Un deses exemplos é a iniciativa dun grupo de docentes do IES Monte Neme, de Carballo, quenes, en coordinación co Concello e coa colaboración de varias empresas locais, están a fabricar máscaras protectoras para as persoas que, polas súas profesións, están máis expostas a un contaxio.

O instituto sumouse á iniciativa xa internacional Coronavirus Maker, que agrupa a unha comunidade cada vez máis ampla para fabricar todo tipo de elementos de protección utilizando impresoras 3D.

Grazas aos equipos dispoñibles na Aula Maker do centro carballés, ao traballo do profesorado e do alumnado e á colaboración de empresas que están a facilitar material, están a fabricar viseiras que serven como monturas para as pantallas, que contan a maiores cunha lámina de acetato rectangular.

As vinte primeiras foron distribuídas en farmacias carballesas, que demandaban este tipo de proteccións. A administración local, que agradece e aplaude a iniciativa, está a axudar na distribución. O venres, a través do servizo municipal de Protección Civil, entregáronse 25 no centro de saúde e 15 no Punto de Atención Continuada (PAC), e está previsto que esta semana tamén poidan dispoñer delas o propio servizo de emerxencias, a Policía Local e a Garda Civil.

O mencionado centro educativo ofrécese a facilitalas a quen as precise, en primeiro lugar a nivel local, e no caso de que sobren, á plataforma internacional da que forma parte. Ademais, xa recibiu numerosas mostras de agradecemento pola súa solidariedade.

INVESTIGACIÓN

Novos modelos. O instituto está en contacto co Concello de Carballo e empresas locais "procurando a posta en común de coñecementos, materiais e equipamento, para atender as posibles necesidades xurdidas nos sectores prioritarios", aseguran dende a dirección. Ademais, están a traballar no deseño doutros modelos de máscaras e doutros elementos demandados polos hospitais.

30 mar 2020 / 21:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito