Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre}

Dóeme o pinguel!

    A diglosia é aquela situación de coexistencia de dúas linguas no seo dun mesmo lugar ou territorio, onde un dos idiomas ten prestixio, como lingua de cultura ou uso oficial, fronte ao outro, que é relegado ás situacións socialmente inferiores da oralidade, o ámbito privado, a familia e o folclore.
    En Galicia, especialmente nas cidades, segue existindo diglosia porque hai un reparto de funcións entre o castelán e o galego, de maneira que cada unha é usada só en certos ámbitos ou contextos: o castelán, en situacións formais e distantes, e o galego, en contextos informais. Resultaría impropio ou ridículo afirmar que hai bilingüismo harmónico e que se usan indistintamente ámbalas dúas linguas.
    Moitos galegos aínda hoxe, especialmente nas cidades, consideran que o castelán é un idioma máis prestixioso que o galego. Por iso o galego adoitan usalo como lingua secundaria reducida ao ámbito familiar ou ao círculo de amizades, en tanto que usan o castelán no resto de contextos.
    E refírome a estas cuestións porque o outro día unha amiga que traballa nun punto de atención continuada (PAC) do SERGAS, que presta un servizo de urxencias nunha zona rural, contoume unha situación que se viviu no seu centro.
    Esta amiga díxome que o persoal do centro atendeu a unha anciá que se queixaba dunha forte dor na gorxa. Parece que a señora falaba nun castelán rudimentario mesturado cunha morea de termos galegos.
    Posteriormente e xa na sala, durante o descanso do café, comentaron que a señora dicía algo que resultaba estraño ao persoal sanitario que a atendía. Unha enfermeira chegou a dicir que a señora sinalaba co dedo na garganta e dicía algo que ela non entendían ben. E así comezaron a rir e conversar sobre o asunto, que se a señora falaba do «pinel», que se tiña dor no «pincel» ata que a miña amiga comentoulles:
    – “ahhhh! Queixábase dunha dor no pinguel. Coitada da muller. Referíase ao seu pinguel, á úvula. Falaba do lóbulo de carne que colga na parte de atrás do velo do padal”. Parece que todos quedaron sorprendidos coa palabra.
    O persoal médico e de enfermería descoñecía ese termo galego. Queda demostrado que é necesario formar ao persoal médico e sanitario no idioma propio de Galicia e que aínda fica moito por facer para que os galegos e galegas poidamos vivir plenamente na nosa terra usando a nosa propia lingua.

    O autor é licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio

    22 sep 2015 / 21:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito