Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 06 agosto 2020
15:00
h

DÚAS OBRAS CONCORREN AO PREMIO DE TEATRO “A GUERRA DA INDEPENDENCIA EN VALGA”

“Brinco Encarnado” e “José Bonaparte: Non vas a ningunha parte” son os títulos dos dous textos que valorará o xurado // O gañador será gratificado con 600 euros e a súa obra representarase dentro do programa de actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo

    A Concellería de Cultura recibiu dúas obras dentro do prazo para optar ao Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga”, un certame que anualmente convoca o Concello como unha das iniciativas coas que rememorar a Batalla de Casaldeirigo, que se librou na localidade no ano 1809. “Brinco Encarnado”, presentada baixo o pseudónimo Pepa Michela, e “José Bonaparte: Non vas a ningunha parte”, asinada co nome ficticio Paco Xestas, son os títulos dos textos presentados ao concurso.

    Segundo establecían as bases, ao Premio de Teatro podían concorrer obras inéditas e escritas en galego, cunha extensión mínima de 25 folios a dobre espazo e divididas en tres actos, que garden relación coa Guerra da Independencia e, en concreto, centradas no episodio da revolta popular dos veciños de Casaldeirigo contra as tropas francesas.

    Hai que ter en conta que se trata dunha representación popular na que participarán actores afeccionados e que se desenvolverá ao aire libre nas inmediacións da Capela da Virxe da Saúde polo que, ademais da calidade das obras, o xurado encargado de fallar o premio terá en conta a viabilidade da súa posta en escena.

    Establécese un único premio de 600 euros que, ademais, implica a obriga de colaborar na dirección da obra para a súa representación dentro do programa de actividades da recreación da Batalla de Casaldeirigo. O autor do texto premiado cederá en exclusiva ao Concello os dereitos de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación da obra en todo o territorio da Unión Europea para a súa explotación, execución teatral, edición e produción.

    26 ene 2020 / 12:50
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito