Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Edición trilingüe para 'A enchenta...', unha obra teatral de Euloxia R.Ruibal

É a primeira vez que unha prestixiosa universidade europea traduce e publica unha coidada edición crítica dunha obra dun dramaturgo galego

    Baixo o título La phénoménale ventrée du Marquis de Ruchestinto a Universidade de Estrasburgo vén de publicar, en edición trilingüe (en galego, español e francés) a peza teatral de Euloxio R.Ruibal, "A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto" (1975), cunha ampla introdución da catedrática de Literatura Española Isabelle Reck. Traducíu o texto ao francés Pierre-Jean Lombard sobre a versión española da obra (inédita), que fixera o propio autor para a desaparecida revista "Pipirijaina".

    É a primeira vez que unha prestixiosa universidade europea traduce e publica unha coidada edición crítica dunha obra dun dramaturgo galego contemporáneo.

    No estudo introdutorio a profesora Reck refirese aos "Novos Teatros" de España, que xorden no último tercio do século XX coma froito da diversidade cultural do Estado. Concretamente advirte que no decenio final do franquismo o teatro galego renace con acenos vangardistas, grazas á Mostra e o Certame "Abrente" de Ribadavia, enlazando coa dramaturxia de Valle-Inclán, o inventor do "esperpento", e co "teatro de arte" en lingua galega, que tentaron realizar Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e os membros da Xeración Nós.

    Saliéntase tamén que se escolleu a devandita peza de Euloxio R. Ruibal para a colección de textos dramáticos "HamARTia", da Universidade de Estrasburgo, porque "se inscribe na máis fonda tradición teatral e literaria galegas e, asemade, ilustra perfectamente o marco estético emprendido pola xeración Abrente, recreando unha dramaturxia específica e orixinal".

    La phénoménale ventrée du Marquis de Ruchestinto -segundo consta nesta edición- é unha obra representativa do teatro ritual galego, un teatro de resistencia nos últimos arreguizos do franquismo. O autor recrea a ambientación pantagruélica, literariamente herdada de Rabelais, co esperpento valleinclanesco e a farsa grotesca de Alfred Jarry. E, sobre todo, Ruibal recolle cabalmente nesta peza as liñas propias da cultura popular galega, coas súas manifestación parateatrais, as figuras do Antroido e os rituais do dó, coas carpideiras e o seu pranto.

    O libro inclúe tamén unha biobliografía e unha entrevista con Euloxio R. Ruibal, na que fala, entre outras cousas, sobre cómo naceu a súa vocación de dramaturgo; cales son as súas fontes como autor; as coincidencias e diferenzas entre os "novos teatros" galego e español. E con respecto a "A sonada e proveitosa enchenta..." di que nela afloran "moitas cuestións que xiran arredor do poder: o dominio, o abuso, o medo, o asoballamento, a animalización, a opresión, a inxustiza, a degradación, a submisión, o servilismo, a deformación, a alienación... E quizais o recordo da dialéctica amo/escravo."

    02 jun 2016 / 13:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito