Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Enfermeiras eventuais: 24 contratos anuais de media

Un 89% das enquisadas considera que vive nunha situación de precariedade laboral, e tan só un 2 % cre o contrario

Son moitas as problemáticas as que se enfronta o persoal eventual de enfermaría en Galicia e perante unhas declaracións realizadas polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, nas que afirmaba que a precariedade no Servizo Galego de Saúde "non é unha situación habitual", dende a Asociación de Enfermería Sociosanitaria de A Coruña xurdiu a idea de realizar esta Enquisa da Enfermaría galega precaria para tratar de pór luz sobre a realidade laboral do persoal eventual do sector.

Un 89% dos enquisados considera que vive nunha situación de precariedade laboral mentres que tan só un 2,2% opina non ter un traballo precario. A enquisa sitúa a media de contratos firmados no último ano en 24, mais chega a haber un caso dunha persoa que rubricou máis de trescentos contratos no último ano.

A esto hai que sumarlle o tempo de estadía nas listas en busca dunha maior estabilidade, a media de anos que pasan anotados os enquisados nestas listas é de 8,14 anos.

Sendo un 78,7% o que leva máis de cinco e un 44,4% do total os que chegan a dez ou máis. Outro dos datos aos que asociación lles confire unha maior importancia é o da natalidade, xa que o 89,12% dos enquisados son mulleres e un 73,7% declara non ter fillos a pesares de que a media de edade supere os 32 anos. "Que o 89% dos enquisados se consideren traballadores precarios está en relación directa coa baixa natalidade, sempre segundo datos da Comisión Europea, expostos no estudo sobre Empleo y desarrollo social en Europa, polo que, darlle fin á precariedade laboral da profesión de enfermeira, poderá favorecer á natalidade galega, que recordemos, está a vivir un drama poboacional e necesita de 7.000 nacementos máis ao ano para volver medrar en poboación", declaran dende o colectivo.

Por todo isto cren que "o tempo de estar na escuridade rematou e que chegou o tempo de coidar de quen te coida, dos nosos profeisonais" pois "a eventualidade na enfermaría galega non é algo puntual, senón que o sistema de saúde non se sostén sen o persoal eventual".

A raíz da publicación da enquisa, fontes da Consellería saíron a defender que a ratio de enfermeiras en Galicia e de 4 por cada 100 habitantes, cifra mellor que a media estatal 3,6%. Declaran ademais que un 88% do persoal é estable (propietarios + interinos), un total de 8.900.

Segundo estas mesmas fontes do Goberno galego, o Sergas está a facer un importante esforzo pola estabilización laboral e a mellora destes profesionais, e citan como exemplo a convocatoria para un total de 169 prazas de enfermeira especialista.

Menos pacientes

••• O ditame encargado polos colexios médicos galegos ás catro comisións de Deontoloxía Médica das entidades conclúe que "o tempo necesario para cada acto médico debe ser fixado por criterio profesional en base ás necesidades individuais de cada paciente". Isto pode implicar, na súa opinión, que se limite o número de pacientes non urxentes a asistir durante a xornada laboral.

••• "Supón unha falta absoluta de planificación e xestión", que a Administración "ofreza aos pacientes unha accesibilidade ilimitada sen dispoñer do tempo e dos recursos necesarios para que a súa atención sexa da calidade". Por iso, consideran inaceptable que fontes do Sergas culpabilicen aos médicos por unha eventual perda dos dereitos dos pacientes, en lugar de asumir a súa responsabilidade.

Trinta por día

••• A Consellería de Sanidade lembrou onte que entre as medidas para mellorar a Atención Primaria, co documento asinado con representantes do Consello Galego de Colexios Médicos, fixouse o "obxectivo idóneo" de 30 pacientes por xornada, e insiste en que ese acordo "foi unha proposta dos propios colexios médicos.

••• Sinalan que coa fin de cumprir o devandito obxectivo considerouse necesario adoptar dúas medidas centradas "na creación de 60 prazas en 2020-2021 para axustar cupos superiores a 1.400 tarxetas sanitarias (pacientes)" e "promover diferentes melloras no contrato de continuidade como libranza tras a realización de gardas ou melloras na zonificación de nomeamentos". Sanidade incide en que estas medidas xa foron "adoptadas ou melloradas".

17 jun 2019 / 22:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito