Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Enlazarte

Entender e axudar

    EN 1992 a Asamblea Xeral da ONU aprobou declarar o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza o 17 de outubro. A data escollida facía referencia a un acto multitudinario celebrado un 17 de outubro de 1987 en París para "rendir homenaxe ás vítimas da pobreza extrema, a violencia e a fame" e proclamando que "a pobreza é unha violación dos dereitos humanos".

    Quizais non debamos comparar os niveis de pobreza duns países con outros pois nós, ao carón de Niger ou Somalia, somos incríblemente afortunados, incríblemente afortunados coa nosa climatoloxía, coa nosa terra, cos nosos froitos. Pero a realidade é que a pobreza non é un mal só dos países pobres, e quero utilizar esta data para recordarnos que a pobreza está ao redor de nós, está con nós, a diario a vemos, e a diario nos sentimos impotentes de non poder facer moito para atallala.

    Lía nun artigo de El País que, segundo un estudo publicado por AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), un 60 % dos intérpretes e bailaríns galegos están por debaixo do limiar da pobreza segundo os ingresos relacionados directamente coa profesión. A Rede Galega de Loita Contra a Pobreza traballa, entre outras cousas, para que os nosos políticos se comprometan a "mellorar a calidade de vida das case 700.000 persoas que en Galicia están en risco de pobreza ou exclusión social". Esta Rede, EAPN, engloba a 128 ONGs de Galicia (entre elas atópanse FAGAL e FEAFES) e entre as súas actividades destacan diversas accións de formación, axuda e concienciación, e o Foro Galego sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado.

    E é que se nos paramos a pensar nesas 700.000 persoas, probablemente coñezamos a moitas; a algúns coñecémolos de cara, de velos polas rúas do casco vello durmindo onde poden. A outros coñecémolos polo nome, sabemos da súa situación, pero sentímonos impotentes de non poder facer nada, pois a nosa situación económica non é boa e non parece que vaia ser mellor...

    Entón, qué podemos facer? Creo que concienciar, dar a cara polos nosos e axudar ás ONGs locais a que fagan o seu traballo e cumpran cos seus obxectivos xa aportaría un grao de area. Non todo son cartos ou doazóns, o tempo é un valor que ás veces non temos en conta. A pobreza e a exclusión social non só ve-ñen por temas económicos, ás veces veñen por problemas sociais, de integración ou por enfermidades mentais.

    Imaxinades que o voluntariado formase parte das nosas vidas? Que os nosos adolescentes tiveran unhas horas "lectivas" no seu sistema educativo para poder ser voluntarios? A USC celebrará a finais deste mes a I Xornada Sobre a Situación das Persoas sen Fogar en Compostela, parabéns aos seus impulsores e a todas as ONGs que traballan de xeito incansable para mellorar o índice de pobreza da nosa terra. Aprender quen son e onde están, e como chegaron a esa situación é, sen dúbida, un bo xeito de intentar entender como poder axudar.

    Gaiteira e pianista

    16 oct 2016 / 20:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito