Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
o sábado

A Feira da Primavera ocupa a rúa de San Pedro e Concheiros, con máis de 200 postos

Terán lugar tres concertos acústicos de Ukestra do Medio, Blues do País e Habelas Hainas

    Un ano máis a Comisión de Festas do Barrio de San Pedro organiza a Feira da Primavera, que acollerá uns 200 postos e máis de 20 actividades ao longo de todo o día en diferentes espazos do barrio: rúas de San Pedro e Concheiros, Praza 8 de marzo, Cruceiro de San Pedro e Praza de San Pedro.

    Nunha xornada que se prevé con chuvascos intermitentes, a Comisión de Festas e A Xuntanza animan á cidadanía a viren disfrutar con paraugas de cores e tamén con#luzpropia para paliar a falta de enganches eléctricos: velas, candelas, lanternas, etc. Unha carencia que afectará sobre todo aos tres concertos da noite (protagonizados porUkestra do Medio, Blues do País e Habelas Hainas), que terán que realizarse en acústico.

    As actividades comezarán ás 11 da mañá, coa alborada tradicional a cargo do grupo Do Fondo do Peto, para logo comezarmos a construción do Maio, que incluirá coplas reivindicativas acordes ás circunstancias que vivimos.

    Haberá tamén o @Xogo140 polo Barrio (un xogo por equipos do que podedes saber máis aquí: http://xogo140.com), unha visita guiada ao Museo do Pobo, pasarrúas dos Maios, exhibición de danzas urbanas con IB Urban Dance Studio de Starben; e o Musical Matilda para nenas e nenos da Escola de Teatro de Espazo Aberto.

    A partir das 13 horas ademais dos Maios haberá pasarrúas tradicional e cabezudos coas Habelas Hainas, ademais de Milonga Aberta (tango con Mª Angeles Iglesias). Asesión vermú terá lugar na Praza do Torreiro con Xerock.

    Pola tarde volven os pasarrúas e comezan as actividades para nenos e nenas: un espazo de xogos infantís no Paporrubio, obradoiro de arquitectura para rapaces, Peter Punk cun espectáculo de circo e un serán familiar con escolas de música e baile tradicional.

    Asemade, o Museo do Pobo Galego acollerá un concerto de corais, e a Praza do 8 de Marzo, un obradoiro de baile tradicional impartido por Marcos Botana.

    E a xornada festiva porá punto final a partir das 21 horas con concertos acústicos na Praza do Torreiro a cargo de Ukestra do Medio, Habelas Hainas e Blues do País.

    Agradecementos

    A Comisión de Festas quere agradecerlle aos veciños e veciñas a súa xenerosidade, así como aos comerciantes e, sobre todo, ás moreas de voluntarios/as que están a traballar para que isto sexa posible a pesar das dificultades. Convidamos a toda a cidade a que veña con nós a disfrutar unha Festa da Primavera con #luzpropia.

    Hai que salientar que estará prohibido circular e aparcar tanto na rúa de San Pedro como en Concheiros entre as 8.00 da mañá e as 24.00 do 2 de maio.

    01 may 2015 / 18:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito