Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Festas de mouros e cristiáns no noroeste

    Vén de saír do prelo unha obra da que xa se deixaba sentir a falta dende hai anos, verbo dun tema pouco tratado deica agora e, ademais, en moitos sitios en perigo de desaparecer por mor do éxodo masivo do mundo rural. Refírome ao libro Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do noroeste veciñas (Edicións Fervenza, coa colaboración da Xunta de Galicia), do que é autor Xosé Manuel González Reboredo, investigador ben coñecido polas súas contribucións á etnografía de Galicia.

    Moitos temos lido ou oído falar dalgunhas destas representacións, en particular das de Trez, Retorta,Laza, A Saínza ou A Franqueira, onde os mouros son vencidos polos cristiáns coa axuda celestial, sexa unha loita na que toman parte varios combatentes ou un enfrontamento verbal só entre dous adversarios. Pero na investigación levada a cabo por González Reboredo xorden outras vixentes en Galicia, como a de Mouriscados (Mondariz), ou desaparecidas, como a de Mouruás (San Xoán de Río). Ademais, tamén se recollen noticias de vellas danzas de mouros e cristiáns, entre elas a da propia cidade de Compostela entre os séculos XVI e XVIII, á fronte da cal estaba un danzante que facía de Apóstolo Santiago.

    Con acerto o autor non se limita a dar conta dos casos de Galicia, senón que tamén nos informa de exemplos de Asturias e León, así como do norte de Portugal, con mostras tan destacadas como o Auto da Floripes, das Neves (Viana do Castelo). E, máis alá do noroeste, menciona numerosos exemplos e paralelos, pasados e presentes, da península (Aragón, Valencia, Andalucía...), de Italia e de América

    Entre os temas reflectidos nas representacións, o profesor Reboredo destaca o ciclo carolinxio, xa presente nun vedraño texto compostelán, o famoso Codex Calixtinus. Pero tamén amosa a inclusión nos textos de alusións relacionadas co corso turco-berberisco, que ameazou as costas do Mediterraneo e Atlántico entre o século XVI e comezos do XIX, chegando nunha ocasión ata Islandia, así como influencias máis recentes nas representacións, relacionadas con guerras como a de Melilla de mediados do XVIII ou a campaña emprendida dende Ceuta en 1859-1860.

    O traballo en conxunto, de mais de 500 páxinas, con numerosas fotografías, mapas e outras ilustracións, é un referente de consulta obrigada para calquera persoa interesada na cultura popular, ou para quen desexe emprender accións de posta en valor desta faciana do noso patrimonio inmaterial.

    20 jul 2019 / 23:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito