Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
país focus

Galicia, protagonista de Womex

Un expositor propio e dezasete empresas integran a aposta da Consellería de Cultura na maior cita internacional das músicas do mundo, que se celebra en Sevilla ·· Budiño, Narf e Mutenrohi cifrarán a participación galega na feira, que se sustenta nas marcas 'Galician Tunes' e 'Galician Festivals'

Galicia cobrará este ano un protagonismo especial en Womex, a maior feira internacional das denominadas músicas do mundo, grazas a que contará cun expositor propio, a presenza de 17 empresas, dúas asociacións do sector e tres artistas: Mutenrohi, Xosé Manuel Budiño e Narf.

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentaron onte a programación que se desenvolverá en Womex, acompañados do músico Xosé Manuel Budiño e de Juan Carlos Fasero, presidente de Agaphono (Asociación Galega de Fonografistas) e vicepresidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais).

Womex reúne todo o sector das músicas tradicional, étnica, de raíz e folclórica. Celebrarase en Sevilla do 29 de outubro ao 2 de novembro, e nela Galicia terá unha importante visibilidade, logo de ser designada pola organización como País Focus.

A representación galega será tamén a máis numerosa até o de agora. En Sevilla estarán 17 empresas fonográficas: Abada, La Fábrica de Chocolate, Ouvirmos, Zouma, Berrogüetto, Edicións do Cumio, Muxicas, Nordesía, Falcatruada, Sul Producciones, Cávea, Producciones, Pai Música, Maré, Nalgures, Lonxa Cultural, Batea e Articket. Womex 08 é unha das citas máis importantes, pola relevancia, identidade propia e recoñecemento internacional coa que neste ano conta a música galega dentro das músicas do mundo ou world music. Trátase do maior evento profesional e comercial neste tipo de música. Na edición de 2007 asistiron 1.400 empresas de 90 países e as actividades foron cubertas por 350 xornalistas acreditados.

Galician Tunes & Festivals

A representación do noso país na feira farase de novo baixo a marca Galician Tunes, e contará cun completo material promocional que inclúe folletos e CD, ademais da web galiciantunes.com, que contará cunha imaxe renovada.

Nesta feira presentarase unha nova publicación editada pola Consellaría de Cultura: Galician Festivals. Trátase dunha guía de 50 páxinas pensada para o público e os programadores internacionais na que se recolle información básica de 20 dos principais festivais e eventos musicais que se celebran ao longo do ano en cidades e vilas galegas como Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Allariz, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Guitiriz, Ortigueira, e Culleredo.

DIFUSIÓN

Unha feira de contactos e divulgación

"Sabemos da calidade da nosa música e da nosas empresas", resaltou onte a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen indicou que o sector musical galego poderá "realizar contactos e darse a coñecer" a través de Womex. Esta feira contou na pasada edición coa participación de 1.400 empresas de 90 países e as súas actividades contaron con 350 xornalistas acreditados.

Doutra banda, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño sinalou onte, na presentación, que cre que é "un bo momento" para mostrar nesta feira a cultura e a música galega. O intérprente, que "por primeira vez" afronta a súa participación como músico en Womex, subirá a un dos escenarios da feira. Por outra banda, d­esexou que para 2012 a cidade de Santiago de Compostela puidese acoller esta feira de músicas de raíz e do mundo.

Así mesmo, o sector fonográfico e de empresas musicais de Galicia destacou que a colaboración coa Xunta "se está a estabilizar e dá froitos e fitos moi relevantes", como o protagonismo que este ano logra a música galega en Womex .

OS DATOS

Noite galega

Haberá unha noite de actuacións a cargo de Mutenrohi, Budiño e Narf, concertos programados ás 21.30, 23.00 e 00.45 horas en distintos puntos de Sevilla.

Visíbel

A designación de Galicia como País Focus conleva unha visibilización e "unha posibilidade para que a música galega se abra a novos mercados", indicou a conselleira .

 

21 oct 2008 / 02:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito