Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
libros

García Sanmartín, reelixido como presidente dos editores galegos

A asemblea xeral extraordinaria da AGE aposta pola liña de traballo do seu actual responsábel e nomea os membros da directiva ·· O director de Rodeira-Edebé incide na necesidade de profesionalizar o gremio da edición

A Asociación Galega de Editores (AGE) decidiu por maioría reelixir como presidente a Alfonso García Sanmartín, director de Rodeira-Edebé, nunha aposta da asociación pola continuidade na liña de traballo desenvolvida nestes dous últimos anos.

A asemblea xeral extraordinaria da AGE elixiu na súa última reunión aos cargos da súa xunta directiva para os dous próximos anos, segundo informou a Asociación nun comunicado. O equipo directivo queda tamén configurado polo vicepresidente, Fran Alonso (Edicións Xerais de Galicia); a secretaria, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro); a tesoureira, Pilar Sampil (Editorial Galaxia) e cinco vogais: Francisco Villegas (Edicións do Cumio), Irene Penas (Everest Galicia), Antonio Balboa (Edicións Lóstrego), Consolo Carreira (Sotelo Branco Edicións) e Tucho Calvo (La Voz de Galicia).

O novo presidente da AGE fixo un balance da xestión realizada durante os dous anos de anterior mandato destacando o traballo realizado polas comisións da asociación, fundamentalmente o traballo das comisións de publicacións e de feiras e comercio exterior. En canto ao futuro, García Sanmartín incidiu na necesidade de profundar na profesionalización do gremio, traballando no terreo da promoción exterior e da interacción cos outros gremios galegos do ámbito do libro co fin de abordar no transcurso dos próximos meses os problemas que afectan neste momento ao sector.

O presidente adiantou que o Simposio O Libro e a Lectura, que anualmente celebra a AGE a finais de ano sobre temas relacionados co sector editorial, vai abordar na súa quinta edición a visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección.

24 jul 2008 / 01:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito