Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cifras e letras

Hai algunha boa nova en investigación?

    A FUNDACIÓN COTEC acaba de presentar o seu informe anual sobre Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) en España. Comezo por recoñecer e agradecer o labor de Cotec, non só por elaborar un informe que xa nos resulta imprescindible, senón pola valentía de facer valoracións públicas, ás veces moi críticas, desde unha tribuna que é observada con lupa e, tamén por iso, cada vez máis respectada.

    Vexamos algúns datos recolleitos no seu informe. O investimento en I+D+i en España en 2017 creceu por riba do 6% respecto ao ano precedente. En todo caso, o valor do investimento relativo ao PIB sitúase nun magro 1,2%. A anos luz do obxectivo do 2% fixado para 2020 e igualmente afastado da media do investido polos países da UE. Desde 2009, ano no que comezaron os recortes en I+D+i que acompañaron á crise económica do país, o investimento público reduciuse un 9,5%, situándonos, de novo, á contra da maior parte dos países da UE. De feito, só hai sete países da UE que a estas alturas aínda non recuperaron o investimento público en I+D+i que mantiñan antes da crise, e España está entre eles.

    Os datos negativos abundan no informe. Paréceme especialmente preocupante, por exemplo, que practicamente non se chegaron a executar un de cada dous euros da asignación pública de recursos á I+D+i. É coma se a metade dos computadores dunha aula estivesen alí, pero apagados, ou coma se pechásemos as portas da metade dos hospitais do país.

    Entre tanta desdicha, hai algunha boa nova? Sen dúbida éo o incremento do investimento en I+D+i do sector privado, que creceu un 8,2% respecto a 2016, fronte ao 3,3% do ámbito público. Ter un tecido produtivo que invista en I+D+i non só é bo en si mesmo senón que o é tamén para un maior e mellor desenvolvemento da investigación pública. O noso país ocupa unha máis que digna posición mundial en publicacións científicas. Os datos do período 2012-2016 sitúannos como o undécimo país do mundo. Non deixa de ser algo milagroso que teñamos unha achega do 3,38% á produción científica mundial, cando a nosa contribución ao PIB global é do 1,38%.

    A nosa excelente posición en produción científica non se reflicte, con todo, na transferencia dos resultados da investigación ao tecido produtivo. En parte pola inapetencia do mesmo pola investigación e os seus resultados. Non é a única razón, pero é unha razón de peso. Por iso temos que celebrar que á empresa española se lle abrise algo o apetito pola I+D+i. Será bo para a nosa investigación en xeral, pero aínda máis para as empresas, a creación de riqueza e o emprego.

    DIRECTOR CIENTÍFICO DO CITIUS, CENTRO SINGULAR DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTELIXENTES DA USC

    08 jun 2019 / 22:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito