Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
mulleres na ruta xacobea (XII)

Os hospitais de peregrinos. Mulleres peregrinas de extracción popular (I)

Nicola Albani refire como tivo que compartir leito cun peregrino que acababa de morrer // O Hospital de Compostela era o que tiña maior financiamento

Mulleres que non pasaron a historia: irmás, nais de familia, viúvas, netas, fillas, esposas... así peregrinaron moitas mulleres ata Compostela. Case sempre, por non dicir sempre, acompañadas.

Dalgunhas só sabemos o seu nome e onde pararon, a maior parte das veces a curar as súas doenzas ou as dos seus, a descansar ou a durmir, grazas aos libros de rexistro hospitalarios do Camiño onde quedaron por escrito como se chamaban e pouco máis dos seus expedientes clínicos, salvo a data de alta.

Por iso non son anónimas, os seus nomes quedaron anotados en Roncesvalles, no hospital de Carrión de los Condes, no hospital del Rei (Burgos), en San Xoán de Oviedo, no Buen Suceso da Coruña, no hospital Real compostelán... e a elas volveremos logo dunha breve reflexión polos hospitais do Camiño.

Alfredo Vigo Trasancos, en A Coruña y el siglo de las luces: la construcción de una ciudad de comercio... (Universidade de Santiago / Universidade da Coruña, 2014), recolle en nota como algúns hospitais estaban superados, como no caso do Buen Suceso da Coruña, que terminaría unificándose co da Caridade e volto a separar no s. XIX cos vaivéns políticos entre liberais e absolutistas.

"En un documento suscrito por diversos médicos de Santiago, Betanzos y la propia ciudad se menciona, en efecto, que el Hospital del Buen Suceso estaba gobernado por «tres Obregones que asisten muy mal a los enfermos... las camas son indecentísimas, no mudan los colchones de ellas quizás en años... y las sávanas y Mantas tan llenas e miles de remiendos que no sirven sino de molestar a los pobres pacientes... dicho Hospital lo tienen los Obregones, con ningún aseo y limpieza...»" (not. 1033).

Os Obregóns, coñecidos como os Irmáns Mínimos, (Mínima Congregación dos Irmáns Enfermeiros Pobres) deben a fundación da súa Orde, 1568, a Bernardino de Obregón. A súa administración estivo baixo dúbida polos rexedores da cidade que, cada pouco, os acusaban de malversación ou falta de asistencia aos doentes, sen falar das pésimas comidas que ofrecían.

Por outra banda o Hospital da Caridade non foi concibido para atender aos peregrinos, senón atender outro problema perentorio da cidade que pouco ou nada ten que ver co presente e que aquí deixo apuntado: "era clamoroso el drama que se vivía en la ciudad, (...) era frecuente que los recién nacidos abandonados por sus madres fuesen arrojados (...) en las calles, en los atrios de las Yglesias, encima de los altares y hasta en las pilas del agua bendita, en los portales de las casas, en las riberas de la Marina, entre los fosos de la Fortificación, en los muladares y otros sitios (...) no pocas veces gimió la humanidad y se estremecieron los menos sensibles al hallar los fragmentos de aquellos cuerpecitos que había dejado la voracidad de los perros y al hallar arrojados otros por las olas del mar..." (A.H.M.C. Libro de los Acuerdos y Ayuntamiento de la Ciudad de la Coruña. Año 1796. Libro 177, fol. 280).

No entanto, indirectamente, si garda correlación o Hospital coruñes co Hospital Real de Santiago, pois este último non foi concibido só para os peregrinos senón que tiña que atender a todos os expósitos de Galicia, que a miúdo eran depositados no torno coa esperanza de que algunhas mulleres lactantes das parroquias máis próximas da diocese, previo estipendio, se fixesen cargo e salvasen as súas vidas.

Esa indicación xa quedara fixada nas actas fundacionais por parte dos RRCC e referendada nas constitucións de 1524: "mandamos que todos los niños que se echaren a la puerta del nuestro Hospital se críen a costa de la dicha Casa, y les den a sus amas las cuales los tengan, y críen hasta que los niños hayan tres años, y de tres en tres meses vengan las amas a cobrar sus salarios, y traigan a los niños a mostrar al Administrador, y demás desto el Administrador dipute una persona que vaya, a veces público a veces secreto, a ver cómo los cría, y si son muertos o que es lo que pasa, porque suele en esto haber muchos engaños..." (A. Eiras Roel, "La casa de expósitos del Hospital Real de Santiago en el siglo XVIII", Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 75-76, 1967-68, p. 309).

De todos os hospitais de peregrinos, o de Santiago era o que tiña maior financiamento, por dispor dunha terceira parte dos fondos do Voto de Granada. Aínda así houbo momentos na historia en que se viu superado tal e como recollen Baudilio Barreiro e Ofelia Rey en Pobres, peregrinos y enfermos. La red asistencial gallega en el Antiguo Régimen (1998), e máis en particular, ofrecendo estatísticas de número de enfermos, E. Martínez Rodríguez: "Los enfermos del Hospital Real de Santiago: serie completa hasta mediados del s. XIX", Obradoiro de Historia Moderna, 9, (2000).

No s. XVI, cunhas 200 camas, uns 113 enfermos varóns e unhas 41 mulleres, estima o autor unhas 1500 hospitalizacións por ano, cun pico de 4326 ingresos en 1769, provocado polas interminables choivas do ano anterior, que motivaron o desencadeamento de epidemias e fame negra, asemade que se diferencian as cifras de militares, que segundo a época e conflitos tamén foron doentes do hospital.

Se o hospital Real pasou por momentos delicados imaxinen vostedes outros máis humildes como o do Cebreiro. Nicola Albani, peregrino e autor do mellor relato de viaxe e polo tanto da literatura odepórica xacobea: Veridica istoria o´sia Viaggio da Napoli à San Giacomo di Galicia, traducida ao galego: Viaxe de Napoles a Santiago de Galicia (Xunta de Galicia, 2007), refire como tivo que compartir leito cun peregrino que acababa de morrer nunha palloza e onde só o auxilio dunha velliña da terra o reconfortou cunha sopa de nabos ou caldo galego, "cenamos como nai e fillo", conta, antes de emprender de novo camiño naquela fría mañá do 21 de novembro de 1743.

Doutros hospitais, situados tamén na alta montaña, só quedan unhas pedras: Fonfaraón, Valparaíso, Paradiella... No códice La Pretiosa (s. XIII) recóllese que o hospital de Roncesvalles abría as súas portas a doentes e sans e a xentes de todos os credos. No s. XVII os seus rexistros computan máis de 25.000 comidas ao ano.

29 ago 2019 / 22:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito