Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 21 septiembre 2021
11:02
h

A I Semana Universitaria da Economía Social trae casos de éxito á USC

O mércores alumnos de María Bastida e de Loreto Fernández presentarán proxectos

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais súmase á primeira Semana Universitaria da Economía Social que se desenvolverá nunha vintena de institucións académicas de toda España a vindeira semana. Celia Besteiro, vicerreitora de Organización Académica, presentou onte o programa de actividades xunto a Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego; Celso Gándara, presidente do Foro Galego pola Economía Social en Galicia; Maite Cancelo, directora do Centro de Estudios Cooperativos (CECOOP) da USC; e María José Barcia, secretaria da citada facultade.

Toca destacou a relevancia que ten dar visibilidade aos valores e oportunidades que ofrece a economía social entre o estudantado galego, unha actividade que xera más de 25.000 empregos na comunidade.

Vanse amosar exemplos de empresas de éxito en diversos sectores en Galicia e no Norte de Portugal, mostra que servirá de paraugas para un nutrido programa de actividades entre os días 21 e 28. O alumnado poderá traballar con datos, textos e modelos para visibilizar a economía social nuns títulos nos que non se conta con materias específicas. Desenvolvemento Económico, Estrutura Económica, Economía Política, Historia Económica, Habilidades Directivas, Contabilidade, Dereito e Econometría serán as implicadas nesta acción.

Haberá actividades específicas nas aulas e o mércores 26, a partir das 12.00 horas, desenvolverase a xornada 'Unha perspectiva ética da empresa: a Economía Social dende as dimensións financeira, de gobernanza e igualdade'. Na mesma presentaranse os resultados dos mellores proxectos realizados polo estudantado de Fundamentos de Dirección de Empresas do primeiro curso do grao en Dirección e Administración de Empresas e Dirección Financeira II do cuarto curso da mesma titulación, dirixidos polas profesoras María Bastida e Loreto Fernández.

19 feb 2020 / 23:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito