Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Imaxes que falan e contan

O Museo do Pobo Galego inaugura esta tarde a décima edición da súa Mostra de Cine Etnográfico, unha ollada anovadora e inclusiva arredor do documental

A súa fachada barroca, pétrea e conventual, pode enganar e distraer os visitantes do que, en verdade, bule no interior de San Domingos de Bonaval. Se o pobo galego é un magma en permanente mutación, difícil de apreixar e definir, tamén o é o museo que leva o seu nome. Fóra da súa riquísima colección patrimonial, dos seus arquivos e bibliotecas e do legado etnográfico que atesoura, o Museo do Pobo Galego de Santiago é unha institución viva, un laboratorio –cercado pola crise de apoios e investimentos, como agora adoitan estar os laboratorios–, que traballa sen tregua arredor da antropoloxía, da identidade e das súas expresións históricas pero tamén actuais. Esa pescuda colectiva e en proceso está na base da Mostra de Cine Etnográfico, que hoxe e até o vindeiro sábado 6 de xuño, se vai celebrar no auditorio do centro. Vinte filmes e catro seccións diferentes integran a décima edición deste certame, que coordina Ana Estévez, responsábel do Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo. "A etnografía é un método, no ámbito das ciencias sociais, para o estudo de colectivos e comunidades", afirma Estévez, que incide na visión inclusiva e aberta desas comunidades, ben rurais, laborais ou políticas. Por iso, salienta, "moito do cinema que hoxe coñecemos baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego, pasou por esta mostra, porque esas creadoras e creadores puxeron tamén o foco en determinados lugares e espazos que teñen que ver coa identidade cultural e as novas maneiras de narrala".

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt

01 jun 2015 / 21:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito