Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Implicadas presenta "As que rubimos montañas"

A organización lanza un novo poemario de autoras etíopes e galegas

'As que rubimos montañas' é un libro solidario promovido por Implicadas/os no Desenvolvemento e publicado en Meubook, que recolle poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).

Para Implicadas/os no Desenvolvemento este libro resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo na que nos levamos esforzando xa durante máis de dez anos. A nosa organización traballa dende a súa fundación en 1998 a prol dun mundo onde a cidadanía do norte en xeral e galega en particular entenda a súa incidencia directa sobre a vida de millóns de persoas que viven na pobreza extrema. En todo este tempo, son moitas as pontes e as vías de acción que levamos establecidas, pero se dúas cousas nos caracterizan ademais especialmente son o noso compromiso de xénero e o noso afán por implicar a cultura neste proceso como parte fundamental do cambio.

"'As que rubimos montañas', as poetas etíopes e galegas, atopamos igualmente abondos estereotipos que superar. Etiopía, no imaxinario occidental, resúmese nunha única palabra: fame. Nada hai debaixo diso para os nosos ollos, nin unha cultura milenaria, nin a convivencia relixiosa, nin o orgullo de non ser un pobo colonizado, nin os altibaixos e ditaduras dos séculos XX e XXI. Fame. E con iso resumimos a nosa (inexistente) relación co país. Nada hai inscrito nesa concepción sobre as mulleres que cada día fan esforzos inmensos por transformar, nun silencio sepulcral creado por todas e todos nós, as súas sociedades e as súas comunidades. Este poemario pretende achegar a multiplicidade de facianas das mulleres etíopes, coas súas diversas linguas, crenzas, situacións e traballos. Porque as que rubimos montañas cargamos con fardos pesados en todas as sociedades e cómpre esa man tendida nos dous sentidos para poder deixar a carga e respirar o aire fresco dos cumios, todas a unha."

As poetas que fixeron o libro posible participaron de xeito totalmente desinteresado. O seu prezo é 12 € e pódese mercar a través da plataforma MeuBook ou encargalo en info@implicadas.com.

22 may 2012 / 10:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito