Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Implícase na difusión do talento o Centro Galego de Barcelona

O presidente da entidade, Carlos Mandianes, fai difusión e promoción da marca Galicia // Participou no marco do foro Afouteza, feito en Santiago

Na súa estratexia de facer do Centro Galego de Barcelona algo máis que un lugar de encontro dos galegos residentes alí, o presidente da entidade, Carlos Mandianes, implícase na difusión e promoción da marca Galicia no eido da xestión do talento, para o que estudiará coa xunta directiva o impulso de actividades dirixidas a ese obxectivo, de forma que o Centro se converta nunha embaixada da dita marca.

Para tal fin, Mandianes participou no foro Afouteza O Talento galego que volve no Nadal, organizado polo Instituto Galego do Talento (Igata) para coñecer a profesionais galegos influentes en distintos lugares e intercambiar experiencias sobre desenvolvemento de proxectos de innovación e impacto social.

O Instituto Galego do Talento é unha comunidade integrada por líderes emerxentes nados en ou amantes de Galicia que impulsan a Marca Galicia en calquera parte do mundo mediante a xestión e promoción do talento. Entre as súas actividades, organiza os foros Afouteza, nos que se dan a coñecer tanto profesionais como proxectos concretos de innovación.

Neste último celebrado en Santiago, Carlos Mandianes tivo ocasión de escoitar as experiencias de profesionais como Juan Fuentes, Delegado de LaLiga en Exipto, Sudán e Libia e embaixador Igata en Oriente Medio; Begoña Jamardo, directora do Máster de Negocios Internacionais en Ieside; Sonia Pazos, International Iberian Nanotechnology-Laboratory Business and Strategic Relations e embaixadora Igata en Portugal; David Garrote, Employer Branding de Lidl e embaixador Igata en Barcelona; Francisco Mateo, de Abanca Marca Empleo; Mónica Ahijado, directora das oficinas de Manpower na Coruña, Ferrol e Lugo; Emilio Froján, Production Manager en VOI e embaixador Igata en Madrid; e Isabel Pérez Dobarro, líder da iniciativa SDSN-Youth da ONU e embaixadora Igata en EEUU, quen recentemente ofreceu unha conferencia no Centro Galego de Barcelona. As súas intervencións abordaron diversos puntos de vista sobre a xestión do talento, a súa internacionalización, a formación e a aprendizaxe e a atracción de talento por parte das empresas.

02 ene 2019 / 22:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito