Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ALCALDE DE PORTO DO SON

José Luis Oujo Pouso: "Queremos un Concello con oportunidades para todos"

Rexedor do goberno local sonense nas dúas últimas lexislaturas, nas que gobernou coa tranquilidade e responsabilidade que dá ter maioría absoluta, afronta o futuro con optimismo, cunha visión clara e certa do camiño que ten que andar para conseguir unha boa xestión municipal coa que facer realidade os seus obxectivos.

Como se presentan as vindeiras eleccións municipais?

Concurrimos a estas eleccións coa satisfacción e o aval do traballo feito durante os últimos oito anos. No 2011 presentámonos cun programa ambicioso e realista e os nosos veciños déronnos a confianza para gobernar con maioría absoluta. Agora tócanos dar contas da lexislatura, e o balance que facemos é moi positivo, porque nos esforzamos ó máximo e cumprimos co noso programa na súa maioría, e polo tanto, cos nosos veciños. Creo que esto é moi importante, podemos dicilo alto e claro porque é a realidade. Agora presentámonos novamente cun proxecto e candidatura renovados, con novos plans de futuro e cunha visión clara e certa do camiño que temos que seguir que nos dá a nosa experiencia na xestión municipal.

Pode presumir dunhas contas saneadas, como o conseguiu?

Pois con moito traballo e xestionando con responsabilidade. Nós chegamos ó Concello cun orzamento prorrogado que apenas superaba os 4.500.000 euros e preto de 6.000.000 de débeda, e nunha situación de recesión económica.. Había que xestionar correctamente os ingresos, a recaudación municipal e priorizar os gastos para revertir esta situación. Por primeira vez na historia de Porto do Son aprobamos orzamentos tódolos anos, e levando a cabo unha xestión responsable, fomos quen de chegar a un orzamento anual de preto de 9.000.000 de euros e reducir a débeda do 85 % no 2011 ao 18 % neste exercicio. E o máis importante, non deixamos de prestar ningún servizo senón que os aumentamos, e fixemos todas aquelas inversións importantes para os nosos veciños. Esa é a nosa maior satisfacción.

Cun Concello ben económicamente pódense facer obras, mellorar infraestruturas, e nesta lexislatura leváronse a cabo moitas. Para cando o parque empresarial?

Cando chegamos ó consistorio, Porto do Son levaba moitos anos de retraso en canto a infraestruturas de servizos básicos como o saneamento; eu sempre digo que a estas alturas non deberiamos estar falando de saneamento, que ademais é fundamental para un concello como é o noso. Houbo que traballar moito neste senso, pero hoxe podemos dicir que o mapa do saneamento está case completo, as nosas materias pendentes son Queiruga e San Pedro. Agora toca pensar en outros proxectos que a situación económica e este retraso non permitiron levar a cabo, proxectos que son fundamentais como o parque empresarial, porque agora sí, hai demanda suficiente para poder facelo. Xa avanzamos pasos, existe un estudo de viabilidade e contamos co apoio da Xunta de Galicia e do IGVS co que estamos negociando un convenio para o desenvolvemento do plan parcial que permitirá que o parque empresarial de Porto do Son se convirta nunha cercana realidade.

Os sectores que producen emprego no seu municipio son a pesca e o turismo. Teñen algunha iniciativa municipal para potenciar o sector pesqueiro?

Como ben sabedes, o Concello non ten competencias en materia de pesca, pero estivemos sempre en contacto directo tanto coas cofradías como coa Consellería do Mar para satisfacer tódalas demandas do sector tanto en Porto do Son como en Portosín. Cando nos necesitaron, sempre estivemos ó seu carón, e dámoslle o noso total apoio. Temos a sorte de ter unha conselleira con un coñecemento pleno do sector, sensible coas demandas e cunha implicación máxima para mellorar as condición de traballo dos nosos mariñeiros. Creo que esta implicación se reflicte nas melloras que durante estos anos se levan realizado nos dous portos, e a día de hoxe estanse facendo obras de mellora nos embarcadoiros de Porto do Son e de Portosín que suporán unha maior comodidade para o traballo diario e para a organización das embarcacións pesqueiras. Debemos seguir avanzando, sempre da man das nosas cofradías, para continuar satisfacendo tódalas súas necesidades. Temos que seguir traballando no dragado de ambos portos e mellorar as condicións laborais das redeiras de Porto do Son e de Portosín.

E para fomentar o turismo?

Porto do Son é un concello singular con un grandísimo potencial turístico. Temos unhas características únicas: dende o Castro de Baroña ás impresionantes praias, o espazo natural, o patrimonio, as xentes, a hostelería... Quen ven a Porto do Son, repite e esto é síntoma de que as cousas estanse facendo ben, que a xente se vai cun sabor de boca que invita a repetir a experiencia. O principal que debemos abordar é coidar e conservar estas características que nos fan únicos: o noso entorno e as nosas praias. Nos últimos anos é evidente un repunte do turismo. Temos que potenciar, aumentar e prestar cada vez máis e mellores servizos nos sectores hoteleiro e hosteleiro, e seguir mellorando as infraestruras e servizos nas nosas praias.

Nos meses de verán increméntase a poboación e os visitantes. Como afrontan as necesidades de servizos que xenera ter máis xente á que atender?

O principal é dimensionar os servizos básicos para poder dar cobertura a ese incremento do volume de poboación nos meses de verán. Está claro que nesa época todo se multiplica: recollida de lixo, limpeza de praias, socorristas, información turística... pero ademais hai infraestruturas que teñen que estar adaptadas para este crecemento, porque se non é así poden acontecer cousas como o desabastecemeto de auga. Esto ocorría no noso Concello non hai moitos anos, cando o núcleo de Portosín quedaba sin auga practicamente a diario en época estival. Esto é inaceptable. Non vale de nada ter o mellor destino turístico se fallamos neste tipo de cousas. Hoxe en día os servizos están ben dimensionados pero temos que pensar noutras problemáticas que debemos resolver, como o aparcadoiro nas praias, xa que hai que mellorar zonas de estacionamento e seguir aumentando as prestacións nos areais.

Cara onde vai o Porto do Son do futuro?

Queremos que sexa un Concello de oportunidades para tódolos veciños. Coñecemos os nosos potenciais, e témolos que seguir explotando ó máximo. E fundamental pensar na conciliación e no emprego, pero tamén queremos ter en conta a calidade de vida de os sonenses, desexamos prestar máis e mellores servizos para todos eles, máis deporte, máis saúde, máis actividades de lecer... pretendemos que Porto do Son sexa o mellor lugar para residir, para vivir, e para sentir.

TRAXECTORIA.Casado e con dous fillos. Preside a Corporación municipal dende 2011 ata a actualidade. Anteriormente foi empresario industrial, xerente dunha empresa do sector da extracción e transformación de granito, e presidente da Asociación de Empresarios de Porto do Son dende 2007 ata 2011.

07 may 2019 / 20:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito