Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Juan Perro participará na Ourense ICC Week 2020

Sumaranse á sexta edición do certame, coa Ribeira Sacra como protagonista, os ritmos africanos do Festival Nómada Harmatán

A Semana das Industrias Culturais e Creativas Ourense ICC Week 2020 volve centrar a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia, convertendo nesta sexta edición á Ribeira Sacra na protagonista.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o coordinador da ICC Week Juan Rivas, presentaron onte a imaxe, xunto cun avance da programación, que traerá a Ourense, entre outros, ao músico Juan Perro e os ritmos africanos do Festival Nómada Harmatán.

A Ribeira Sacra convértese na imaxe referencia desta Ourense ICC Week. Resáltase a súa importancia como valor cultural e patrimonial, remarcando a aposta desde a deputación na súa candidatura para converterse en Patrimonio da Humanidade, como destacou o presidente do organismo provincial.

"A Ourense ICC Week é un evento absolutamente consolidado, un dos proxectos máis importantes pensados no territorio e que converte a Ourense nos días de celebración en capital da vangarda e das tendencias en calquera disciplina creativa, e iso vai de seu co noso territorio ourensán, que neste ano 2020 cumpre os 100 anos da aparición da revista Nós, unha xeración indispensable na historia de Galicia e con Ourense como referente", expresou Baltar.

Dixo que a imaxe deste ano da Ourense ICC Week está vencellada á Ribeira Sacra. "Lembro cando convoquei en 2013 aos alcaldes dos concellos da provincia que se atopan neste territorio único para contar coa súa opinión para reactivar desde a Deputación a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio mundial da Unesco", subliñou, e agradeceu a resposta positiva para sinalar que "hoxe estamos en que este territorio obterá esta distinción no ano 2021.

Xustificou así o feito de que esta edición da ICC Week conte con esta imaxe; un certame ao que nesta ocasión únense destacados nomes do panorama artístico e creativo, "que seguen a estela dos grandes que estiveron en Ourense en anteriores edicións como Gracia Querejeta, Iker J­iménez, Ágatha Ruiz de la Prada, Javier Mariscal...".

Adiantou que participará "un dos grandes da música española dos últimos 40 anos, Santiago Auserón, que estará no Teatro Principal o 4 de abril".

Baltar salientou tamén o Festival de Música Africana Harmatán, que lle dará un plus de internacionalidade e riqueza cultural "a un evento como é a ICC Week, perfectamente deseñado, que ano tras ano vai incrementando o público asistente e os diferentes relatorios e actividades".

Celebrarase entre o 31 de marzo e o 5 de abril, "datas que suporán un novo punto de encontro para persoas expertas, emprendedoras e profesionais da creatividade, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas diferentes propostas culturais e de lecer que ofrece a programación desta cita", expresou Juan Rivas.

07 feb 2020 / 21:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito