Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Leilía: vinte e catro anos de camiño para unir pasado e presente

Foron pioneiras na recuperación do esquecemento da nosa tradición oral. A finais dos oitenta, Leilía, aquel grupo de seis mulleres iniciaban unha andaina baseada na posta en valor das pandeiretas e voces, máis alá dun simple acompañamento á música de baile. Despois de cinco traballos discográficos recoñecendo a creatividade da muller galega, levarán as súas cantigas ó Palacio de Congresos de Compostela na XXIV edición da Gala Gallegos del Año, onde recibirán unha merecida homenaxe.

"Os aplausos enchen, pero que sexas capaz de chegar a emocionar ou a facer recordar algo que leva camiño de extinguirse, é, sen dúbida, o máis importante, o que fai que pague a pena seguir". Así define Ana Rodríguez a filosofía que mantén Leilía desde hai case vinte e cinco anos no máis alto do panorama do folclore galego.

Será coincidindo co seu 24 cumpreanos, o vindeiro xoves, cando as cantareiras agasallarán coa súa música a todos os asistentes á XXIV Gala Gallegos del Año, promovida polo Grupo Correo Gallego.

Dicían os latinos que o término clasicus facía referencia ó primeiro no seu xénero ou a aquel que debe tomarse como modelo. Este é, sen dúbida, o caso de Leilía. Pero as cousas non xorden porque si. Até chegar aquí, o camiño foi longo e, ás veces, non exento de atrancos, aínda que, iso si, cheo de satisfaccións.

Corría outono de 1989, cando a un grupo de seis rapazas, así como por un cúmulo de casualidades, se lles empezaron a abrir unhas portas que nin elas mesmas esperaban. Desde aquela primeira aparición en público nun curruncho de Cacheiras estaban dispostas a demostrar que a música era universal. "Nós reivindicábamos no escenario un espectáculo unicamente definido por pandeireteiras, algo que até aquel momento non o fixera ningúen. Era algo anecdótico".

Ana Rodríguez e a súa irmá Rosario, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e a súa irmá Patricia non poden negar que están orgullosas de que, agora, 24 anos e cinco álbumes despois de iniciar a súa andaina, semella con total naturalidade a proliferación de grupos de pandeiretas ou a unión das voces das cantareiras xunto ós sons dos grupos de folk. É a percepción de que cantareiras e músicos son dúas linguas diferentes, pero complementarias.

A sucesión de premios obtidos polo grupo en máis de dúas décadas é tan extensa como merecida. Pero o primeiro semella que sempre ten un valor engadido, especial. Ana recorda que non foi outro que o concedido en 1991 na II Mostra Cidade Vella, ó mellor grupo folk-tradicional. O tempo encargaríase de que Leilía chegase polo seu propio peso a compartir as súas cantigas cos máis grandes e nos foros por excelencia da música folk: Ortigueira, Lorient...

"Detrás do labor de Leilía hai un gran traballo de campo e de recollida de material. Ti chegabas a algunha casa e aquelas mulleres tiñan que sacar como unha especie de telarañas da súa cabeza e romper moitos tabús. Pero aquelas mans recobraban vida. Hai que ter en conta que nós non somos creadoras, só transmisoras", di Ana Rodríguez.

Esta é a base fundamental do proxecto do grupo: a aldea e a defensa da muller como recuperadora da tradición oral. Baixo esta raíz, Leilia abría o seu propio camiño ó que nunca renunciaría. Cando chega o primeiro disco, Leilía (1994), aquel grupo de rapazas tiveron a forza e a coherencia necesaria para transmitir a súa verdadeira mensaxe "A razón de Leilía era, e seguirá a ser, rescatar do esquecemento as melodías que forman parte do noso pobo, unhas melodías abocadas a desaparecer con cada persoa que morre".

Unha vez consolidada esta raíz, era lóxico que chegara a evolución, un paso máis. Chegou entón o segundo traballo, I é verdade I é mentira (1998). A decisión non foi doada. "Custounos moito traballo dar este paso, pero é certo que a incorporación de arranxos musicais (feitos por Nando Casal e Antón Seoane, de Milladoiro) axudaron a moita xente a escoitar o folclore. Ana di que nesta decisión foi fundamental o labor de Suso de Toro, "sodes fillas da vosa terra, pero tamén do voso tempo". Milladoiro sempre foi moi importante para nós".

Con Madama (2003) o grupo seguía a mirar cara adiante. Incorporaría novos instrumentos e letras que abordaban temas de actualidade como o Prestige ou o conflito xudeo palestino en Pedras contra tanques, que foi elixida a mellor canción en galego pola Academia de las Artes y de las Ciencias de la Música. Dous anos despois, coincidindo co quince aniversario, sairía á luz Sons de Leilía, "un recompilatorio no que o grupo se propuxo incorporar temas que fixeramos nós, pero que estaban en traballos doutra xente como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz ou Kepa Junquera".

Máis alá da evolución de Leilía, Ana Rodríguez destaca o último traballo, Consentimento (2011). Dalgún xeito, é como un resumo de toda a traxectoria do grupo. "Decidimos plasmar nun traballo e de xeito específico, neste caso dedicado a unha delas: Eva Castiñeira, unha cantareira anónima.

E vinte e catro anos despois aquí estamos. ¿O segredo? Unha perfecta sintonía e un proxecto común entre todas elas, moitísimas historias comúns e "seguir tendo ilusión por estar xuntas. Eso é máis que suficiente"

Non o esquezan. A cita está marcada no calendario e todo coincide. Leilía estará coas súas cantigas o vindeiro xoves, día 24, no Palacio de Congresos na XXIV Gala Gallegos del Año. Que sexa para ben. E por partida dobre.

ffranjo@elcorreogallego.es

17 oct 2013 / 20:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito