Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lembran a Valiña coa iniciativa "Un Camiño de Historias"

O proxecto, que se presentou onte na CdC, recolle testemuñas de peregrinos dos 80

A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación do proxecto Un Camiño de Historias, que nace como froito da vontade de agrupar baixo un mesmo teito distintas experiencias de persoas que peregrinaron a Compostela a través do Camiño de Santiago. Trátase dunha iniciativa transmedia impulsada pola asociación Acude Rural, que conta coa colaboración da xente dos concellos de Oia e do Cebreiro, enmarcada dentro do plan de promoción do Xacobeo 2021.

Na páxina web www.uncaminodehistorias.com, pódense atopar distintas testemuñas que constitúen un relato colectivo e interxeracional onde queda de manifesto a importancia que ten a Ruta Xacobea nestes lugares. Ao acto de presentación asistiron, entre outros, Isaías Calvo como representante do Xacobeo, a alcaldesa de Oia Cristina Correa e Aser Álvarez da Asociación Acude Rural, que presenta este traballo como "un gran espazo de acollida para a construción dun relato colectivo".

O obxectivo principal do proxecto é recoller testemuñas dos peregrinos que acompañaron nos anos 80 e 90 a Elías Valiña ao pintar as frechas amarelas que sinalan a dirección a seguir, que se atopan espalladas ao longo do percorrido ata a capital galega.

A outra gran aspiración desta iniciativa é a de conectar xeracións entre si a través das entrevistas feitas en Oia, onde se pode apreciar "a ilusión dos nenos preguntándolles aos seus avós, que foron protagonistas durante tres días", explicaba a alcaldesa.

Como representante do Cebreiro acudiu á presentación Paco Castro, un histórico da Ruta Xacobea polas veces que o percorreu, que contaba que "sen o Camiño de Santiago o Cebreiro estaría morto".

santiago@elcorreogallego.es

31 oct 2019 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito