Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lestedo continúa co seu programa previo á gran festa

Arrancaron as actividades con Yayo Daporta e Figueira elaborando petiscos con filloas

O vindeiro 1 de marzo Lestedo celebrará a 37 edición da Festa da Filloa, e como cada ano, as semanas previas convértense en toda unha prolongación do festexo coa posta en marcha de diferentes actividades de promoción. Onte arrancaban por todo o alto cun showcooking e degustación no Mercado de Boanerges, en Santiago.

Os recoñecidos chefs Yayo Daporta e Roberto Figueira foron os encargados de elaborar as tapas, que tiveron como base a filloa de Lestedo, e que logo puideron degustar os asistentes a un prezo de tres euros. As propostas de Daporta foron unha filloa rechea de cocido e outra de xurelo á brasa con pan de millo. As de Figueira contiñan grelo e porco celta unha e alga codium e polvo a outra. A iniciativa estivo cofinanciada polo GDR Terras de Compostela. O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, agradeceu o apoio desta entidade "por dar a coñecer a valía dos produtos tradicionais da vila".

Hoxe continúa a programación previa, desta vez en Lestedo, en concreto no local social. Terá lugar un obradoiro de cociña infantil e xuvenil orientado a que as novas xeracións aprendan a elaborar a filloa tradicional.

A seguinte actividade celebrarase entre os vindeiros días 20 e 29 deste mes. Todos os que asistan a cafetería de El Corte Inglés terán oportunidade de degustar o produto estrela do Entroido grazas a unha filloeira que as elaborará en directo de forma tradicional.

Asemade entre o 24 e o 29 desenvolveranse as V Xornadas Gastronómicas da Filloa en diferentes establecementos hostaleiros de Boqueixón. Os locais participantes ofrecerán orixinais tapas con base na filloa e os máis innovadores recheos.

14 feb 2020 / 20:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito