Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Manuel María: Día das Letras Galegas

    O PASADO 2 de xullo, EL CORREO GALLEGO fíxome o honor de publicar o meu artigo Pedindo o Día das Letras Galegas 2016 para Don Ricardo Carballo Calero. No devandito artigo explicaba que a tripla proposta pola RAG parecíame ben, e que os tres eran merecentes dese Día.
    Decantábame por Carballo Calero por facer 25 anos do seu pasamento. E, como utilizaba, aparte das valías, o criterio cronolóxico dos pasamentos para dedicarlle o Día das Letras Galegas, por iso indicaba o meu parecer: primeiro Xela Arias (pasamento no 2003) e logo Manuel María (pasamento no 2004).
    Por suposto enumeraba os moitos e diversos méritos que atesoraba, e atesora, Don Ricardo.
    Pero quero deixar claro que eu respecto as decisións da RAG, ocorréndome, como nos ocorre a moitos coas sentenzas, que acatámolas, sen compartilas, por suposto nese momento. Agardo que algún ano a RAG se lembre de don Ricardo.
    Polo demáis eu son un gran admirador de Manuel María, fun seu amigo, teño dedicada por el a súa Poesía Completa, e moitos libros máis, a min e aos meus fillos. No colexio de Ortigueira representamos as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e recitamos moitos anos poemas seus, tanto de Os soños na gaiola como de As rúas do vento ceibe. Teño recitado con el en varias ocasións, en Ortigueira, poemas meus, dedicándome en Andando a Terra, que publicou baixo o seudónimo de Manuel Hortas Vilanova, unha agarimosa lembranza con motivo da súa estancia na vila do Ortegal. Vou case que tódolos anos á homenaxe A navalla de Manuel, etc., etc. É sen dúbida, un dos grandes escritores da nosa Terra. Vaia a miña noraboa para Saleta, e para tódolos galegos.
    No seu pasamento dediqueille ese soneto, que será unha honra para min velo publicado en EL CORREO GALLEGO como me fixo o honor de publicar o que lle dediquei a don Ricardo.
    Moitísimas grazas.

    No pasamento de
    Manuel María
    Alto exemplo de amor comprometido/ coa súa nobre visión da nosa Terra;/ coherencia total na que se encerra/ a súa esencia, a súa forza, o seu sentido./ Súa Terra Chá, milagre conseguido/ por quen ó universal nunca se cerra:/ amor, xustiza, paz ós que se aferra/ seu corazón, sempre ó mellor rendido./ Ansiando fose nosa a nosa escola/ regalounos “Os soños na gaiola”/ para os nenos, os mestres e Galiza./ Excelso e prolífero poeta,/ foi para el labarada a súa Saleta,/ onde o amor se estremece e se eterniza.
    Os Tilos, 9 de setembro de 2004
    (*) O autor é mestre xubilado
    e licenciado en Dereito

    09 jul 2015 / 21:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito