Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Manuel María, un poeta brillante envorcado coa normalización lingüística

    Manuel María Fernández Teixeiro será o autor homenaxeado das Letras Galegas 2016 tras unha ampla carreira na que brillou no mundo da poesía e envorcouse coa normalización lingüística sempre á beira dos máis novos.

    Manuel María naceu o 6 de outubro de 1929 na localidade lucense de Outeiro de Rei no seo dunha familia acomodada de campesiños, aínda que se trasladou a Lugo con trece anos para estudar, fíxose procurador de tribunais e permaneceu toda a súa vida laboral en Monforte de Lemos.

    A súa carreira literaria arrincou en Lugo e, salvo uns versos xuvenís, a súa extensa obra está escrita en galego desde o seu primeiro libro de poemas "Muiñeiro de brétemas", que publicou en 1950 con 21 anos.

    Xunto á súa esposa, Saleta Goi, formou unha "parella de exemplar militancia política e cultural", segundo explican Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Luís Regueira e Manuel Rivas, os académicos que avalaron a súa candidatura elixida hoxe.

    Ela rexentou a libraría Xistral antes do traslado de ambos á cidade da Coruña, xa como xubilados, onde el faleceu en 2004 como membro da RAG, na cadeira que hoxe ocupa Darío Xohán Cabana, tras un ingreso multitudinario nun pleno celebrado en Vilalba en 2003.

    Manuel María cultivou a poesía, o teatro, a narrativa, o ensaio e o xornalismo literario nun centenar de obras que agora serán revisadas e actualizadas pola homenaxe que recibirá o próximo 17 de maio.

    Brillou de maneira especial, segundo destacan as súas avalistas, no mundo da poesía cunha obra multiforme que vai desde o máis intimista e persoal á musa cívica e nacional, do verso libre ao soneto, das coplas e romances ao gusto popular e até as formas máis vangardistas.

    Libros como "Terra Chá" hoxe están de actualidade e a súa lectura habitual fai que se volva a editar mentres aumenta a popularidade deste autor.

    O seu papel na normalización lingüística destaca aínda hoxe, pois sempre estivo presente nos centros escolares e aínda hoxe continúa alí, aínda que a través das súas obras, un dos motivos que levou á RAG a decantarse pola súa figura para as Letras Galegas 2016.

    Actividades pedagóxicas, como o teatro escolar, e a súa chegada ao mundo da canción serviron para popularizar a este peculiar escritor ao que definen como un "xigante" da literatura.

    É un dos autores galegos de cuxas poemas naceron máis cancións e innumerables artistas grupos atoparon nel non só o escritor do que podían conseguir letras, senón o amigo e axudante que non tiña problemas en facer poemas por encargo.

    O éxito popular da súa homenaxe está garantido porque Manuel María Fernández Teixeiro é coñecido entre maiores e menores en Galicia dentro e fóra do mundo académico.

    Deixou memoria da súa presenza e numerosos amigos e lectores tras unha actividade como autor e editor intensa e ampla que terá un recoñecemento especial o próximo 17 de maio de 2016, cando os actos na súa honra terán o seu punto álxido. EFE

    04 jul 2015 / 16:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito