Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

María Teresa Horta, nomeada Escritora Galega Universal

Recibirá este galardón da AELG a poeta portuguesa o día 11 de maio

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) distinguirá á poeta e xornalista portuguesa María Teresa Horta como Escritora Galega Universal de 2019, galardón que será entregado no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, e que se celebrará en Compostela o próximo 11 de maio.

Tal e como sinalou a AELG nun comunicado, este recoñecemento realízase "desde o profundo respecto e afecto" cara á escritora e a súa obra de "altísima calidade", así como pola súa "incontestable defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual".

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento os escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa o próximo Escritor na súa Terra-Letra E e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que chega á súa vixésimo quinta edición. Terá lugar en xuño no Concello da Coruña.

Por outra parte, a AELG tamén deu a coñecer este sábado á súa asemblea xeral os recoñecementos como Mestra e Mestre da Memoria 2019 para Dorothé Schubart e Pablo Quintana.

Ambos recibirán as súas respectivas distincións na celebración da IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se levará a cabo en Lugo.

A asociación aprobou o seu programa de actividades para 2019, entre as que se inclúe a celebración o 24 de febreiro o Día de Rosalía de Castro, así como o Parlamento de Escritoras/es, os próximos 15 e 16 de marzo.

09 feb 2019 / 22:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito