Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

María Victoria Moreno, unha pioneira na literatura infantil e xuvenil galega

Axudou a fundar, impulsar e consolidar este sistema literario, ademais de ser activista da lingua, desde eidos como a docencia, a literatura e a actividade pública e privada, cunha marcada implicación coas editoras, ben formando parte dos comités das coleccións ben traducindo textos ao galego.

Narrativa infantil:entre tradicióne innovación

María Victoria Moreno é considerada unha autora clásica na Literatura Infantil e Xuvenil galega. Iniciou a súa escrita neste sistema literario cun conto infantil titulado Crarisca e o luceiro, que mereceu o segundo premio do Concurso de Contos Infantís da Agrupación Cultural O Facho en 1972, unha iniciativa que pretendía impulsar a escrita en galego para os máis novos. Este conto foi incluído un ano máis tarde en Mar adiante. Historias de nenos pra nenos, unha obra revolucionaria e realista que critica o sistema educativo e os métodos represivos da escola tradicional, ao tempo que propón a aprendizaxe empírica en contacto coa natureza. Cunha estrutura clásica, na trama principal vanse inserindo outras historias, mentres que a profesora protagonista narra o que lle acontece desde o comezo de curso ata o Nadal, cando estivo dando clase a un grupo de catro nenos e sete nenas no barco-escola 'Arroás', acompañada dunha tripulación composta polo capitán Xosé Luís, os mariñeiros Suso, Xaime e Tino e a cociñeira Lola, grazas a que o vello mariñeiro Miguel de Portosouril fabricara este barco para que os nenos coñecesen o mar e aprendesen moitas cousas.

No relato sobre a vida cotiá no barco-escola a autora aproveita para inserir historias independentes que os personaxes contan uns a outros a maneira de fábulas clásicas para exemplificar ensinanzas: así a da casa do señor Xosé de Outeiro, que non brilla por deixar que morreran nun naufraxio os mariñeiros de Portosouril; a da traballadora Mariquiña, a primeira reescritura da LIX galega do conto clásico A carapuchiña vermella na que se rompe co arquetipo do lobo malvado; a dos paxaros que teñen que fuxir da carballeira do Suso por culpa da intervención humana; e a do vagalume que se namora das estrelas.

É unha obra, como indicou Blanca Roig, chea de simbolismo, mitos, referencias literarias, etc. que fala da aprendizaxe en contacto coa natureza, a defensa ecolóxica, o amor polos animais, a solidariedade e a renovación pedagóxica con novas propostas educativas. Trátase dunha obra pioneira en moitos aspectos como o tratamento da renovación pedagóxica e a reescrita dos contos tradicionais, na que se perciben as claves do que será a súa obra futura: a preferencia por personaxes nenos, nenas e animais humanizados, o lirismo e tenrura; o moralismo, a temática da escola e o mar, o uso de recursos narrativos tradicionais e o emprego de multitude de xogos lingüísticos característicos da literatura infantil.

No ano 1975 conseguiu o primeiro premio do VIII Concurso de Contos Infantís O Facho con O cataventos, publicado primeiramente en 1979 no volume colectivo Contos pra nenos da Agrupación Cultural O Facho e posteriormente en volume independente. Trátase dun pequeno conto en dúas partes, no que o narrador en primeira persoa describe o marco, un galiñeiro nun país especial, e o protagonista. Prima o tema da liberdade, presente na linguaxe cargada de metáforas, e a defensa da solidariedade, da sinceridade e da autenticidade ao criticar a tiranía dun galo de curral. Nárrase con lirismo e tenrura a historia de D. Pío, un galo presumido, orgulloso e egoísta, que envexa as ás dunha galiña nova que voa máis ca el e por iso se converte en cataventos.

En 1986 publicouse o conto fantástico A festa no faiado, que establece un diálogo intratextual co relato Mar adiante ao repetir a mesma localización: Portosouril. Un xantar compartido por distintos obxectos e animais humanizados, que viven harmonicamente no faiado da casa dunha parella fachendosa, é o recurso argumental para criticar a avaricia, a vaidade e a soidade. Uxía, a boneca abandonada e marxinada, narra as actividades que realiza a cotío na compaña dos gatos; todo envolto de lirismo, fantasía e amargura.

Na última obra narrativa infantil titulada A Brétema (1999) nárrase a vida diaria dunha vella que vivía soa na aldea de Vilaxeada e que se converte nunha charca que o sol evapora e forma unha nube que vai ao cumio da montaña para regresar á súa aldea en forma de brétema. É un canto ao ciclo da vida e á defensa dun trato digno, a través da crítica á soidade dos anciáns, á súa desatención por parte da mocidade, ás mofas da nenez e á falta de comunicación interxeracional, cada vez máis latente na sociedade, aspectos que plasma nas metáforas de elementos da natureza.


Narrativa xuvenil:problemáticasadolescentes

Nas obras narrativas xuvenís María Victoria aborda conflitos propios da mocidade, as inseguridades, os medos e as actitudes rebeldes e inconformistas, desde unha perspectiva intimista e de recreación do mundo interior dos personaxes que están en tránsito cara á vida adulta.

Así en 1986 iníciouse na narrativa xuvenil con Leonardo e os fontaneiros, que merecera o terceiro premio do Concurso Barco de Vapor o ano anterior. Trátase dunha noveliña de estrutura aberta a modo de crebacabezas, que se pode ler de forma lineal ou seguindo as instrucións ao final de cada capítulo, de maneira que o lector escolle o seu propio itinerario de aventura. Narra a historia de amizade entre Leonardo, un can rueiro, e o seu amigo Toño, ata que o can falece, ademais das aventuras, inquedanzas e problemas duns nenos de oitavo de EXB, alcumados "fontaneiros", reflectindo o paso da infancia á adolescencia, a evolución vital cara á madureza cos seus problemas, adaptacións, incomprensións... desde as reflexións e pensamentos do protagonista.

No ano 1988 a colección Árbore de Galaxia inaugurouse con Anagnórise, que se inseriu no ano 1990 na Lista de Honor do IBBY. Trátase dunha novela de amor moi lírica, protagonizada por Nicolau, un rapaz que un día decide abandonar o Instituto de Vilalonga e marchar a Madrid para se encontrar cuns amigos que se dedican a negocios relacionados coa droga. Durante a viaxe dialoga coa muller condutora que o recollera facendo auto stop, mostrando a personalidade de Nicolau, os seus problemas, a razón da viaxe, etc. O protagonista acaba descubrindo que Xulia é a nai de Natalia, a amiga de quen estaba namorado e pola que se decidira a abandonar a súa terra. O lector é testemuña da evolución psicolóxica do personaxe e a súa entrada no marxinal mundo das drogas cunha técnica narrativa que alterna a narración en primeira persoa co monólogo interior; o rexistro vulgar co culto, a inocencia e inxenuidade do protagonista coa experiencia e sabedoría da condutora, nunha viaxe física e emocional na que a presenza do adulto favorece o diálogo e a comprensión, abrindo novas perspectivas ao protagonista na busca da súa identidade.

Rematando o século XX, no ano 1999 publicou Guedellas de seda e liño, que recibiu unha mención especial nos Premios da Crítica Galicia 2000 e pasou a formar parte da selección The White Ravens en 2002. Nesta novela a escritora novamente reflexiona sobre o amor e a problemática adolescente, nesta ocasión dunha adolescente de clase alta que herda o pazo familiar de Redondela e que rompe cos moldes familiares para relacionarse con outras clases sociais, integrándose con naturalidade na sociedade que lle tocou vivir. Á reivindicación de igualdade nos roles de xénero, engade a elección dun estamento social diferenciado para cuestionalo a través do deseño dunha protagonista activa, rebelde e inconformista que decide sobre o seu destino.

Tanto Anagnórise como Guedellas de seda e liño son dúas obras xuvenís nas que se pon de relevo a evolución vital dos protagonistas adolescentes que se enfrontan á necesidade de se adaptaren á sociedade dos adultos, superaren as incomprensións, rexeitaren as imposicións sociais ou familiares e desvelaren deficiencias do sistema educativo, aspectos que se fan extensibles ao ámbito familiar e ás incongruencias sociais da súa contorna, reflexionando sobre o sentido da vida, a existencia da morte e a descuberta do amor.


Poesía infantil:medos infantíse animais

María Victoria Moreno tamén se achegou á poesía infantil con catro obras poéticas de diversa índole nas que priman o lirismo e a tenrura para defender o trato digno dos animais e abordar os medos e inseguridades dos máis pequenos. Así no ano 1994 publicaba o conto rimado ¿Un cachiño de bica?, no que se relata a divertida historia ilustrada por Manuel Uhía dunhas letras que emerxeron dunha cunca de almorzo e permitiron crear ilusións e fantasía no neno Iván e na súa querida cadela Nica.

No ano 1997 daba ao prelo ¿E haberá tirón de orellas?, a aventura nocturna da cadela Alma, na que se reflicte, por medio duns expresivos versos apoiados nas ilustracións de Carme Peris, a soidade e os medos dos animais. ¡Xa non teño medo!, publicado en 1998 con ilustracións de Manolo Uhía, incide no temor á noite a través da voz dun neno que ofrece a visión nocturna, bela e máxica de todo o que contén a súa casa, barrio, etc.

Pouco antes do seu falecemento, sacou do prelo o volume Eu conto, ti cantas..., un poemario ilustrado de novo por Manolo Uhía no que se recompilan ¿Un cachiño de bica? e ¡Xa non teño medo!, xunto co relato inédito Can branco, can negro, que recolle a historia de amizade de dous cans de procedencia diferente no que novamente incide na defensa do trato digno dos animais e na relación entre estes e o ser humano.


Algunha das súas obras tanto de narrativainfantil e xuvenil coma de poesía infantil

20 may 2018 / 10:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito