Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Este mércores preséntase en Santiago o libro “Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación”

O acto terá lugar na librería Couceiro ás 20:00 horas // Editado por Biblos na colección Mandaio, achega as investigacións máis recentes da man de expertos na materia

    Este mércores, na Libraría Couceiro de Santiago, terá lugar a presentación do libro 'Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación', de Editorial Biblos. No acto, ás 20:00 horas, participarán os autores, Victorino Pérez Prieto e María Pilar García Negro, que estarán acompañados por Tucho Calvo.

    Nunha edición que estivo ao coidado de Victorino Pérez Prieto, o volume Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación achega as últimas novidades que sobre a materia poden ofrecer as investigacións de grandes expertos na materia. O texto, editado por Biblos na súa colección Mandaio, inclúe traballos realizados por especialistas como Andrés Olivares Guillem ou Ricardo Ventura, as galegas Mª José Bravo Bosch e Mª Pilar García Negro, e Victorino Pérez Prieto, autor de Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, e coordinador da obra.


    Prisciliano e o priscilianismo é un dos temas máis apaixonantes da historia galega, hispana e europea. Un tema que interesa aínda hoxe polos máis diversos motivos: desde os intelectuais (históricos, relixiosos, pensamento...) ata os máis populares. O tema resulta atractivo por ser Prisciliano un rebelde relixioso e social que acadou un gran seguimento en vida en todos os estamentos sociais, e moito máis de morto. E máis aínda polo feito concreto de morrer coma un mártir da intolerancia política e relixiosa, ou historias escuras que circulan sobre o priscilianismo (druidismo, maxia, heterodoxia...).


    Este volume representa unha importante achega científica aos estudos sobre a materia, con aspectos moi novidosos, expresión dos descubrimentos e avances realizados nas últimas décadas e non tratados anteriormente. A actualidade do que hoxe sabemos de Prisciliano e o priscilianismo; unha análise xurídica do proceso de Tréveris que o levou ata a norte; o percorrido do priscilianismo na Idade Media; ou o seu eco en Portugal.


    O libro ofrece a posibilidade de descubrir ou afondar no coñecemento de quen, como di Victorino Pérez no prólogo, “no século IV promoveu unha Igrexa e unha sociedade máis igualitaria, democrática e xusta, que mesmo crebara as estruturas patriarcais que non recoñecían a igualdade da muller con respecto do varón”.



    VICTORINO PÉREZ PRIETO (Ed)

    Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación

    Biblos Cartonado 16,5 × 22 cm 128 páxinas

    ISBN: 978-84-15086-23-9

    18 sep 2012 / 14:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito