Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 03 junio 2020
19:29
h

O MÓDULO DE FORESTAIS DO OBRADOIRO DE EMPREGO REALIZA TRABALLOS DE PODA NO PARQUE IRMÁNS DIOS MOSQUERA

Os aprendices tamén actuarán noutros espazos como a Mina Mercedes, a área fluvial de Vilarello ou o Miradoiro de Beiro // Realizarán desbroces, queimas controladas e plantacións tanto con medios manuais coma mecánicos

Os dez alumnos do módulo de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV comezaron nos últimos días a realizar traballos prácticos en espazos públicos de Valga.

A primeira zona na que se desenvolven estas actuacións é o Parque Irmáns Dios Mosquera, onde os aprendices están realizando podas de saneamento tanto con medios manuais coma mecánicos. O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Emprego e Formación, Carmen Gómez, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, comprobaron esta mañá o desenvolvemento dos traballos.

Estas labores continuarán en próximas datas noutras áreas de esparexemento e lecer do municipio, coma a lagoa Mina Mercedes, a praia fluvial de Vilarello, o Miradoiro de Beiro e o Camiño Portugués.

Ademais de podas, os alumnos deste módulo levarán a cabo traballos de desbroce e rareo, queimas controladas e plantación de especies arbóreas. O obxectivo destas actividades prácticas é que os participantes aprendan a traballar con autonomía e adquiran as destrezas necesarias do oficio de cara a unha posterior inserción no mercado laboral.

O módulo de albanelería do Obradoiro Ulla-Umia IV tamén ten previsto realizar varias obras en Valga, entre elas a adecuación da terceira planta do Edificio Administrativo e melloras no pavillón de deportes de Beiro.

O Obradoiro de Emprego, promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña, deu comezo no mes de outubro e terá unha duración de nove meses. Participan vinte persoas desempregadas destes dous municipios que reciben o salario mínimo interprofesional ao tempo que reciben formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e forestais. O proxecto conta cun orzamento de 396.446 euros, dos que 336.446 son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e os restantes 60.000 son financiados polos concellos.

26 ene 2020 / 12:53
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito