Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
a estrada

Monteagudo gaña o García Barros de novela coa historia dun desfalco

O autor, que no 2002 xa se fixera co Blanco Amor, súmase á lista de gañadores do certame estradense ·· O xurado destaca a orixinalidade do tema e a capacidade da obra titulada 'Un tipo listo', para enganchar o lector

O Premio de Novela Manuel García Barros, convocado dende hai 21 anos polo Concello da Estrada, xa ten un novo gañador. Xosé Monteagudo Folgar (Moraña 1965) acaba de sumarse á xeración de escritores galegos que xa contan con este prestixioso galardón. Coa obra Un tipo listo, presentada baixo o lema Betty Blue, Monteagudo conquistou o xurado do certame que destacou a orixinalidade do tema e a súa capacidade para enganchar a una maioría lectora. A prosa fluída e de calidade estética, así como a "autenticidade de feitos", os personaxes ben trazados, a dimensión de crónica social e familiar e a reflexión ética que conleva a nova historia de Monteagudo, ao redor dun desfalco bancario, foron algunhas das características resaltadas na acta do XXI Premio de Novela García Barros.

O galardón, dotado cunha contía de 9.000 euros e a publicación da obra gañadora en Galaxia, seralle entregado a Monteagudo a finais de ano na Estrada, terra á que tamén fai unha chiscadela a obra gañadora incorporando personaxes reais coma Francisco Regueiro, o coñecido mestre de Sabucedo, ou as raíces familiares en Forcarei do protagonista da trama. Licenciado en Dereito pola USC, Monteagudo reside en Pontevedra, onde traballa como técnico en Facenda.

sangiao

UN TEMA DE ACTUALIDADE

Novo recoñecemento despois do Blanco Amor

Coa súa primeira novela, As voces da noticia, Xosé Monteagudo, irrompía con forza no panorama narrativo galego. A obra, coa que gañou en 2002 o premio Blanco Amor, e que falaba dun crime no contorno rural visto dende os ollos dun xornalista, xa sorprendera, como recordaba onte Xosé Carlos Agostiño González, un dos membros do xurado, pola súa estrutura innovadora. E logo desta historia, ambientada en Compostela, chega Un tipo listo, cun tema tan de actualidade nestes tempos de crise. Monteagudo narra con destreza a historia do director dun banco que a principios dos oitenta, en Vigo, cometerá un desfalco. O xurado,con Inmaculada Otero, Armando Requeixo e Alonso Girgado, destacou a súa valía por estar orientada a un público moi amplo e lograr arrastrar á lectura, un esforzo moi importante para a narrativa en galego dende o punto de vista editorial .

15 jul 2009 / 23:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito