Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 27 noviembre 2020
12:49
h
{ tribuna libre }

Na esculca das Perseidas

    Un bo libro para Julio Llamazares é aquel que é capaz de producir formigo, conmover e manterse vivo na mente do lector malia o paso de tempo. E a súa última novela, Las lágrimas de san Lorenzo, acada eses obxectivos porque nos achega unha historia intimista, transida de lembranzas, nostalxia, melancolía, fornecida ademais nunha prosa sinxela e moi precisa, erguida, porén, desde un preciosista tratamento poético da linguaxe, que persegue tamén a música das palabras. Unha novela con ligazóns ás millentas co libro que proxectou literariamente o autor: La lluvia amarilla. Se nesta novela é unha pequena aldea a que fica devorada pola soidade, en Las lágrimas de San Lorenzo é un home vítima tamén da saudade, que fala co seu fillo, mentres os dous contemplan as estrelas nunha noite de agosto.
    Unha trama argumental, con todo, moi sinxela. Unha ancoraxe da memoria que toma corpo coa volta a Eivissa dun transhumante profesor que, na fronteira dos cincuenta, reencóntrase na praia co seu fillo Pedro, un rapaz de doce anos froito dunha antiga relación sentimental, na noite de San Lorenzo. Esculcan o ceo estrelado e a choiva de cometas que atravesan fugazmente o firmamento. Enmeigados os dous por esas estrelas fuxidías e estimulados asemade pola enchente de recendos campestres e mareiros, mergúllanse nas lembranzas, e na súa memoria agroman e reviven situacións xa vividas en tempos pasados coa familia, amigos e amantes. Mais o tempo fuxiu, fugaz e ineludible e o protagonista está de volta de todo, percíbese a si mesmo sen forzas, mentres o seu fillo estase abrindo á vida.
    No libro de Julio Llamazares afloran temas de fondo fundamentais para todos os seres humanos. O máis reincidente, motivado por ese fenómeno máxico das perseidas na noite de San Lorenzo, é o paso do tempo: a vida avanta sen paradas, sen recuar, facémonos vellos, todo remata, todo morre. Endalí que Llamazares poboa a intertextualidade da novela con textos de grandes poetas (Homero, Catulo, Paul Celan) que foron capaces de expresar o paso do tempo de xeito fermoso e á vez dramático. Iso mesmo é a vida: erguida con ladrillos do tempo ido, co multiforme abano de posibilidades que deixamos escapar e que xamais volverán. Xa que logo, outra peza narrativa de Julio Llamazares fermosa e de fondo calado, que arestora nos ofrece como libro de peto Punto de Lectura.

    Crítico literario

    22 ago 2014 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito