Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nace un portal educativo galego sen ánimo de lucro

O fin de aulasgalegas.org é axudar, non substituír o ensino regrado // Os servidores dos centros víronse colapsados

Primeiro a Xunta e despois o Goberno central prohibiron a docencia presencial para todos os niveis. Despois dunha fin de semana pechados na casa que se pode dicir que foi de relax, como outra fin de semana do curso, o luns foi o momento da verdade.

Moitos dos centros educativos galegos dispoñen de aulas virtuais, ainda que onte non foi bo día para acceder a elas. Sexa porque o quixeron facer todos a un tempo, sexa pola falta de costume, a realidade é que practicamente todas se viron colapsadas e pola mañá era imposible entrar nelas.

Pero o que podía ser, e foi, unha eiva tamén favoreceu a creatividade. No IES de Cacheiras, por exemplo, ao constatar que era imposible entrar na aula virtual un grupo de alumnos crearon un chat de WhatsApp no que incluíron á súa titora para poder seguir cos estudos con certa normalidade. O colapso de servidores das escolas foi a tónica xeral da mañán de onte.

Ademais dos recursos dos propios centros escolares, para que os nenos poidan seguir estudando, onte mesmo nacía un portal educativo -aulasgalegas.org- sen ánimo de lucro e no que participan docentes para ofrecerlle unha axuda á sociedade e facerlle fronte á situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19

Na súa declaración de intencións aseguran que nace para "axudar ao alumnado, ás familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego".

Ademais, aclaran que a súa vocación non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas, senón ser unha fonte de recursos que sume no panorama actual.

Cada día publicarán material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. O seu obxectivo é compartir contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa, pero tamén outros que xa existen e que este grupo de docentes consideran que paga a pena divulgar.

No que atinxe ao profesorado, afirman que crearán unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.

"Estamos na casa pero non estamos parados. A educación en galego continúa", aseguran.

O seu uso é totalmente intuitivo e non se necesita ningunha formación específica para acceder aos seus contidos. Na pantalla, á dereita, aparece unha lista con todos os niveis educativos non universitarios, de Infantil de 3 anos ao 2º curso de Bacharelato, e, máis abaixo, outra ringleira coas diferentes materias. Ao picar primeiro no nivel e despois nos temas, aparecen dun xeito atractivo os diferentes apartados, sexan de Lingua Castelá, como Galega ou Matemáticas, etc.

Ao comezo de todo hai unha clase relativa ao coronavirus para todos os cursos de ESO e de Bacharelato no apartado de Física e Química: Como funciona o xabón e porqué é tan importante lavar as mans. Aproveitan o virus para ensinar algúns termos en inglés relacionados.

Despois, xa aparecen cousas máis particulares como que é un centón, por exemplo en Lingua Castelá; ou más xenéricas, como dar a coñecer algunhas actividades altruístas, ao igual que a páxina mesma, por certo, ou animar aos rapaces a facer algo tan sinxelo como lerlle á familia.

Tamén se fan eco da iniciativa arco da vella, que chegou de Italia e xa está en España, e consiste en que os rapaces poñan letreiros en balcóns e fiestras coa frase "Todo vai sair ben".

No apartado de Infantil, os docentes danlle aos pais consellos para manter unha rutina nestes días tan raros, sobre todo para os pequenos, que non entenden o aillamento.

OUTRAS OPCIÓNS

Academons Primaria: é a app de Homeschooling, que ofrece 30 días de acceso de balde a todo o seu catálogo de xogos de Matemáticas, Lingua, Inglés e Ciencia (http://bit.ly/Academos_Gratis).

Ta-tum: do grupo editorial Edelvives, ofrece acceso gratis ata o mes de xullo a esta plataforma para o fomento da lectura (http://bit.ly/Edelvives_Tatum).

Smartick: unha app que ofrece 15 días sen custo para repasar as matemáticas (http://bit.ly/Smartick_15).

Genially: plataforma para facer presentacións interactivas que ofrece por un tempo limitado os seus moldes e recursos Premium gratis (http://bit.ly/Genially).

AMCO: acceso aos xogos de Matemáticas e Lingua da súa app Eduzland de balde por un tempo limitado (https://amconews.es/eduzland/).

Smile and Learn: esta app para os máis pequenos da casa está ofrecendo acceso gratuíto durante un mes ao seu catálogo de xogos interactivos (http://bit.ly/smile_learn).

M.A.R.S.: do grupo SM, ofrece códigos desconto para acceder a los contidos de 3º a 6º de Primaria (http://bit.ly/MARS_App).

Cerebriti Edu: máis de 50.000 juegos de Primaria e Secundaria de balde ata fin de curso (http://bit.ly/Cerebriti_Edu).

Educlan: nos medios dixitais de Clan (web, apps e televisións conectadas) recursos educativos de calidade.

16 mar 2020 / 22:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito