Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Noia sae na defensa das obras de acceso á igrexa de San Martiño

De acordo coa Dirección Xeral de Patrimonio instala unha rampla desmontable e reversible

O Concello de Noia saíu onte ao paso das críticas recibidas polas obras de mellora da accesibilidade que vén de iniciar na igrexa de San Martiño. Informou de que o proxecto foi aprobado en novembro de 2018 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e conta co informe favorable da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico, Artístico e Documental da Igrexa Católica en Galicia. Unha autorización precisa debido á protección deste templo, declarado Ben de Interese Cultural por ser un dos principais exemplos do estilo gótico mariñeiro en Galicia.

Esta actuación "ten por obxecto dar resposta á necesidade, cada vez máis ineludible, de dotar á igrexa de San Martiño dunha entrada adaptada para persoas con mobilidade reducida", explicou o concelleiro de Obras, Martín Fernández. Os traballos consisten na instalación dunha rampla na porta lateral (a da praza da Constitución), xa que é o acceso máis habitual e a entrada con menos desnivel con respecto á vía pública.

Dende o executivo noiés aseguran que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural salientou que a escalinata escollida non é orixinaria, senón que é froito das sucesivas reformas que sufriu no último século. Aínda así, destacan que a estrutura é desmontable e plenamente reversible, adaptada para persoas con mobilidade reducida pero respectando os materiais e sistemas construtivos actuais do edificio.

Por iso, as pezas autorizadas son de pedra (granito silvestre de gran fino), apoiadas sobre tacos de neopreno ocultos baixo elas para que éstas non teñan contacto directo co pavimento existente.

25 sep 2019 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito