Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ epígrafe }

Non estabamos preparados para esto

    Non estabamos preparados para esto. Non estaba escrito en ningún guión. Hai pouco máis dun mes éramos libres e non o sabíamos valorar. Había científicos tentando frear o acortamento dos telómeros para prolongar a vida humana cada vez máis. Todo parecía posible, mesmo acadar a inmortalidade. De repente, un virus, o Covid-19, un elemento microscópico, unha espiral de ARN envolto por unha cápsula (que para vivir e reproducirse necesita parasitar outras células), exténdese por todo o planeta provocando unha pandemia que pode causar millóns de infectados e miles de mortes.

    De repente decatámonos da nosa fraxilidade, da posibilidade de volver a tempos remotos, cando a humanidade era atacada periódicamente por infeccións masivas que provocaban máis mortandade que as guerras.
    Houbo alertas sanitarias nos últimos anos (a gripe aviaria, a gripe A, o SARS, o MERS) que provocaron un impacto local, con gran número de infectados e moitos falecementos, pero que, por diversas razóns, non chegaron a provocar esta afectación global, que ten a todo o planeta dominado polo pánico e a gran parte da poboación recluída nos domicilios para frear unha diseminación que podería producir unha mortandade masiva, semellante á que provocou a gripe a comezos do século XX. Neste caso déronse todas as condicións (un virus altamente contaxioso, un período de incubación curto, unha elevada mobilidade da poboación por todo o planeta que favorece os contaxios, ausencia de inmunidade persoal e comunitaria, etc) para producir un impacto global tan intenso como inesperado.

    O Sistema Nacional de Saúde (SNS), a raíz da crise económica de 2008, foi atacado polos recortes: en toda España rebaixaron de maneira alarmante a dotación orzamentaria, o persoal sanitario e o número de camas hospitalarias. Ademáis, nas últimas décadas, houbo unha orientación da sanidade cara as doenzas crónicas e os problemas derivados do envellecemento e o aumento da dependencia. Non houbo actuacións orientadas á aparición e abordaxe de novas doenzas infecto-contaxiosas e non había un plan de actuación ante unha pandemia como a presente. De ahí que a resposta a esta situación explosiva fose tardía, improvisada e descoordinada. Non había unha estratexia deseñada nin medios para actuar. O SNS fai o que pode, cos medios que ten (mentras os hospitais privados permanecen infrautilizados), e os profesionais (expostos e contaxiados en moitos casos) están a facer un enorme esforzo para frear os contaxios e tratar aos enfermos.

    Esta crise sanitaria está a provocar efectos notables na vida e na saúde das persoas. A orientación do sistema para atender aos infectados fai que outras doenzas (que seguen ahí) reciban menor atención e con maior demora. O confinamente prolongado está a provocar problemas físicos nas persoas con procesos crónicos ou mobilidade limitada, e afectación psicolóxica, maior ou menor, en todos os que padecemos o encerro. Cando todo esto remate, que rematará, haberá que pagar as débedas, que van ser moi elevadas (e agardemos que non nos toque pagar aos mesmos de sempre) e despois haberá que sacar conclusións para o futuro. Cando o pico da pandemia comece a descender iranse eliminando as medidas de confinamente domiciliario. Volveremos, pouco a pouco, a recuperar espazos de liberdade. Pero xa nada volverá a ser como antes. Esta crise vai afectar ás nosas relacións como seres humanos, á nosa forma de vivir, e tamén provocará cambios nos sistemas sanitarios que terán que adoptar medidas para que no futuro unha situación semellante poida ser atallada con maior celeridade e acerto.

    04 abr 2020 / 21:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito