Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ OS OUTROS DÍAS }

A nosa realidade cultural

    A POLÍTICA CULTURAL que se estableceu neste noso paisiño, tan profesoral e académico que semella ter espazo tan só pra una elite que calquera diría clerecía, semella ser ben triste e consecuencia, acaso, desa Cidade da Cultura que despoboou un agro, antano vizoso, no que deixaron de inzar realidades tales como algunhas que deberan ser recuperadas o máis axiña posible.

    Cabe como desculpa que non poucas das partidas orzamentarias foron destinadas á erección dese mamotreto que coroa o monte Gaiás e que ogallá algún día sirva pra algo. Dende esa estrada soterrada, pola que pode transitar un tráiler cargando escenografías a un pazo da ópera inexistente, ata esa biblioteca chea de andeis estraños, dispostos a escoller libros esquinados, pasando por outras imposibles aventuras do espírito, que fan pensar na fasquía dun cetáceo enorme varado no cima do monte máis ca nun centro de cultura, todo parece ser que se confabulou pra que agora teñamos unha explicación de por qué semella clausurada a atención a esa vizosa pero feble planta que constitúe o total da cultura galega expresada que estea este nas antano chamadas belas artes.

    Primeiro vimos esvaecer o Ballet Galego Rey de Viana, logo como se esfumaba o Centro De Documentación das Artes Escénicas e Musicais, pioneiro e paradigma de todos os existentes en España; a continuación foise a Xove Orquestra de Galicia e como decaía o Centro Dramático Galego ou como nos sotos e naves da Xunta xacían, almacenados, dous millóns e medio de libros en galego. ¿Que foi da Casa da Parra como lugar de mostra da obra dos máis significados dos nosos pintores? ¿que foi daquela Lei chamada do 1% que mantiña viva e actuante a obra dos nosos millores artistas plásticos? ¿E daquelas becas que serviron ós nosos creadores pra abrir os ollos ás realidades culturais foráneas, que daquelas mostras Roma/Compostela que acaroaban a nosa realidade a outras distantes e sen embargo próximas? ¿Que foi da produción cinematográfica? ¿É necesario recordar a pregunta de Churchill respondendo á que lle esixía explicacións por manter os mesmos orzamentos públicos prá cultura que os dedicados a ela en tempos de paz?: "Se non loitamos pola nosa cultura, por que loitamos?"

    ¿Que foi, por exemplo, daquela Semana Internacional de Títeres que, ano tras ano, se celebrou en Compostela e convocaba a xentes de toda Galicia, e aínda de fóra, no Cine Yago pra asistir a ela e contemplar os prodixios dos máis grandes titiriteiros do mundo, dende os propios ós alleos, dende chineses a brasileiros, dende italiáns a calesqueira outros? ¿A ónde e por que foi parar aquela semana?

    Agora leo que Chévere, a extraordinaria compañía teatral, Premio Nacional de Teatro, deixa a súa sede en Teo, onde se exiliara logo de que se lle pecharan as portas de Compostela. ¿terá acubillo na capital de Galicia ou deberá emprender un novo exilio?

    Mentres segue a transcorrer coma se nada unha realidade como a que se describe, organízanse congresos semiocultos nos que se convocan a centos de persoas de todo o mundo, a un coste que é doado calcular, pra que conventualmente pechados falen do que significou pra eles, persoalmente, o camiño de Santiago sen que o feito trascenda o máis mínimo e dando lugar a pensar que do que se trataba era de executar un presuposto antes da finalización do ano non fora ser que se dixera algo. Pero nin a prensa tivo noticia de nin de evento tal, nin de tan xeneroso dispendio que fixo que ata os convocados se preguntasen para que foran traídos dende os seus lonxanos paises.

    A chamada "cultura de terceiro nivel" a das bandas de música locais e os grupos de gaiteiros, a dos poetas locais que editan libros subvencionados polos consellos con fondos provenientes dos orzamentos do goberno, merece unha atención especial pero non unha única nin exhaustiva preferencia ante outras realidades culturais do país. En tempos democráticos non son de recibo as editoras nacionais e non debe haber unha en cada concello, en cada deputación, en cada consellería ou mesmo na presidencia do goberno, por non dicir que a nosa realidade cultural non reside na edición de libros por parte do Consello da Cultura Galega, nin do Instituo da Lingua Galega, tampouco do Centro Ramón Piñeiro ou mesmo da Real Academia Galega.

    Urxe unha Lei do Mecenado que encane a iniciativa privada á potenciación da nosa cultura e da obra dos nosos creadores, a potenciación e espallamento dos seus nomes e das súas obras. Agora que se fala dunha "regaleguización" da actividade e da política gobernamental non estaría de máis que esta se materializase en feitos moito máis que en palabras vanas.

    ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA

    15 jun 2019 / 22:29
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito