Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pablo Jasper / Guitarrista e vocalista de NAO

“O noso concerto de despedida vai ser un espectáculo de tres horas”

“Preferimos morrer estando arriba que estando abaixo, tomamos a decisión en 2015” // “Na derradeira actuación contaremos con máis de 15 artistas invitados e unha gran posta en escena”

    NAO fará efectiva a súa despedida hoxe (20.30 horas) nun concerto que terá lugar no Recinto Ferial de Amio e no cal esperan congregar a preto de 2.000 fans. A banda dirá así adeus a todo o público que, durante os últimos 14 anos, fixo da súa historia na música unha das máis relevantes do panorama galego. Pablo Jasper, vocalista e guitarrista da formación, fala da historia da agrupación, do derradeiro concerto e dos seus sentimentos a respecto da ruptura do grupo.

    Por que elixistes Santiago como escenario do voso derradeiro concerto?
    É a capital de Galicia e loxicamente para unha despedida temos que escoller o sitio máis céntrico. Ademais, a calidade dos pavillóns adaptábanse ao que nós precisabamos. Un era o Multiusos Fontes do Sar, malia que finalmente non houbo un acordo, e outro foi o Recinto Ferial de Amio, que é onde finalmente se vai celebrar.

    Dicides que vai ser un concerto irrepetible, que pode esperar o público?
    Vai ser irrepetible porque é o concerto no que se despide a banda. Ademais, nunca fixeramos nada de este estilo. Imos repasar toda a nosa discografía, son nove discos en 14 anos, con máis de 15 colaboradores e iso dáche un contexto completamente diferente.

    Contades con colaboracións de todo tipo, desde Sabela de OT ata Picchio de Banda Bassotti. Despois de 14 anos, teredes coñecido a moita xente no camiño.
    Sabela é unha persoa que xa coñeciamos antes de que entrase na Academia e ademais pareceunos moi valente o papel que fixo cantando temas na lingua propia. No tocante a Banda Bassotti, é un grupo de referencia e foi un orgullo que quixesen colaborar con nós, xa no seu momento, na versión que fixeramos de Os Vampiros de Zeca Afonso, que ao final se converteu nun dos temas máis coñecidos da banda.

    Ides colaborar tamén con Dakidarría no concerto.
    Temos a Gabri, o vocalista de Dakidarría, un grupo co que temos unha irmandade. Ao longo destes anos levamos camiños moi paralelos e tiñan que estar alí. Tamén Mini Rivas, con quen fixemos a campaña da Candidatura Galega. En definitiva, moitísimos músicos amigos que admiramos e cos que queríamos compartir este momento especial. Neste sentido, unha das cousas máis importantes para nós neste concerto é poder contar con xente que estivo no grupo anos atrás. É moi especial poder tocar con Pol, con Ramón, con Xaviño, que foi o primeiro cantante... É un orgullo recuperar aquela primeira formación.

    Como se porta Compostela cos músicos, tivestes boas experiencias aquí?
    Normalmente presentamos os discos na Capitol, e enchemos. Pásanos desde o ano 2015 máis ou menos. De feito, neste derradeiro traballo, que presentamos antes da xira de despedida tamén tivemos cheo. É unha cidade que sempre nos acolle moi ben.

    Por que decidístedes acabar co grupo agora, despois de 14 anos, e nun momento aparentemente bo para a música?
    A verdade é que preferimos morrer estando arriba que estando abaixo. Foi unha decisión tomada no ano 2015, daquela pensabamos que xa chegaramos ao noso teito e decidimos que iamos tomar o camiño da despedida. O certo é que a banda non se desfai porque haxa mal rollo, nin moito menos, e tampouco é porque non adquirise a relevancia que se pretendía, todo o contrario. Naquel momento pensabamos que tocaramos teito, pero cando nos embarcamos na xira de Apocalipse o grupo empezou a medrar moitísimo máis. Fixemos case 30 bolos de salas e 18 festivais, este ano. Queriamos poñerlle fin, sendo nos os protagonistas dese fin, que non fora por causas externas.

    Que espera a banda dun concerto tan especial, no que se pon fin a unha traxectoria de tantos anos?
    Espero que sexa algo que me quede gravado no recordo de por vida. Para os que xa son fans vai ser unha velada entre alegre e triste, igual que para nos. Se nos segues durante anos, sabes igual ca nos o que significa este proxecto. Pero, por outro lado, van ver un espectáculo enorme con moitas luces, cun gran equipo de son, con proxeccións, un escenario enorme. Todo o que significa o derradeiro concerto da banda, na que imos facer un repaso a toda a discografía. Será un espectáculo de case tres horas de música.

    Unha mensaxe que NAO teña deixado na música galega?

    Se deixamos algunha mensaxe é que hai que ser coherente cun mesmo, cando un cae tense que erguer e loitar sempre.

    07 dic 2019 / 00:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito