Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A nova Estratexia Galega de Cambio Climático terá espazo propio no COP25

Ángeles Vázquez presentará na xornada de clausura do Cumio de Madrid o novo plan contra o quecemento global

    A Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 20150 (EGCCE), que a Xunta ven de aprobar no seu Consello o pasado 3 de outubro, terá un espazo propio no Cumio que se está a celebrar estes día en Madrid, o COP25. Será durante a xornada de clausura, o próximo venres, día 13, cando a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presente este plan galego.

    Baixo o título Galicia resiliente: comunidade e clima, Vázquez será a encargada de conducir o evento, na Zona Verde do Ifema, no que debullará o esforzo e a implicación do "Goberno autonómico ante o problema do quecemento global, ante a constatación de que en Galicia tamén se están a notar os seus efectos", indica a Xunta nunha nota.

    Galicia foi unha das primeiras comunidades en poñerse a traballar nesta liña, creando unha dirección xeral específica, e desde hai dous meses, é a cuarta autonomía que ten aprobada a súa propia folla de ruta para facer fronte nas próximas décadas a un fenómeno globalizado pero que require unha resposta en clave rexional.

    O Goberno galego indica que a finalidade da EGCCE é "avanzar cara a neutralidade climática no ano 2050 -é dicir, compensar as emisións que non poden ser eliminadas, coas absorcións da propia contorna natural-, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego para acadalo e na resiliencia do medio rural fronte ao cambio climático. De feito, Galicia é a cuarta comunidade que máis reduciu as súas emisións de gases de efecto invernadoiro desde o ano 1990".


    Participación do Sergas e a Xera Debido ao carácter transversal da EGCCE, no evento tamén se contará coa participación das consellerías de Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, que aportarán a súa visión sobre o fenómeno do quecemento global e a transición enerxética desde as súas respectivas áreas competenciais.

    Así, tamén intervirá o Xerente do Servicio Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, que baixo o título A traxectoria do Sergas como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a resiliencia, unha proposta para repensar falará sobre a transformación que experimentou o sistema de saúde público de Galicia desde a aprobación da primeira Estratexia Sergas 2014, á que se lle deu continuidade coa Estratexia 2020, e que definen os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación a seguir para consolidar un modelo sanitario innovador, sostible e centrado nos cidadáns.

    Por último, pechará o acto o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), José Ignacio Lema Piñeiro, cunha presentación titulada A contribución do sector á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible e as metas fixadas no Acordo de París, na que afondará na importancia do sector forestal na transición cara a economía circular, a mitigación do cambio climático e a fixación de poboación no rural, favorecendo a prosperidade ao proporcionar produtos e servizos renovables.


    presenza galega noutros foros A Consellería de Medio Ambiente tamén estará presente noutras xornadas. Así, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistirá ao cumio deste luns, 9 de decembro, para participar no evento Cambiar as mentalidades, non o clima. Sitios designados pola Unesco, educación e xuventude para unha maior ambición. Na xornada do día 11, as reservas da biosfera e os mozos serán protagonistas. Co título A xuventude de Reservas da Biosfera: unha oportunidade para a loita contra o cambio climático, este evento centrarase na consolidación da Rede Xuvenil MAB Española, e na posibilidade de crear actividades que apoien a loita contra o cambio climático, o emprendemento xuvenil para evitar o despoboamento e a protección da biodiversidade para a loita contra o quecemento.

    Este mesmo día, presentaranse os resultados do I Foro de Mozos da Rede Española de Reservas de Biosfera nun acto que contará coa intervención, entre outros, da directora xeral de Patrimonio Natural, xa que cómpre lembrar que a Xunta tivo un papel fundamental no mesmo ao asumir a súa organización o pasado outubro no concello de Bergondo.

    Máis información sobre a COP25 nas páxinas 36 e 37

    algunhas medidas a salientar

    •••Entre as medidas incorporadas neste plan galego pódense salientar as seguintes:

    •••Mellora de eficiencia enerxética: axudas ao sector residencial para mellorar este aspecto, axudas para a rehabilitación, rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios, plan de mellora da eficiencia das EDAR, incentivos para instalar caldeiras de fontes renovables, etc.

    •••Transporte: mellora dos accesos ás plataformas loxísticas de transporte das grandes cidades para desconxestionar o tráfico e reducir emisións, elaboración dun estudo de mellora do transporte na chamada última milla, medidas para reducir as emisións de CO2 dos novos vehículos da Xunta cando o parque móbil se vaia renovando.

    •••Sector primario: fomento de uso das instalacións, maquinaria e equipamentos agrícolas en réxime asociativo, incentivar investimentos en xestión de gando para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, como por exemplo coa compra de muxidoras máis modernas e eficientes.

    •••Adaptación aos efectos do cambio climático: elaboración de plans de adaptación dos terreos marítimo-terrestres de competencia autonómica, como os portos, e plans de prevención e actuación ante fenómenos climatolóxicos extremos para reducir a vulnerabilidade.

    06 dic 2019 / 22:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito