Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova profundización na táboa periódica dun xeito máis lúdico

A 'Guía dos elementos químicos' explica a súa orixe, a súa historia e o seu comportamento

O elemento químico máis antigo empregado pola humanidade é o ouro. Non se sabe cando se descubriu, pero hai 8.000 anos xa era moi apreciado. Mais é o hidróxeno, o máis lixeiro, abundante do Universo e fonte de todos os outros elementos o que abre a táboa periódica. E tamén a Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, unha obra divulgativa que, de xeito ameno e rigoroso, afonda na orixe e nos nomes das pezas que compoñen esta base sobre a que se constrúe a linguaxe da química.

O volume ve a luz coincidindo coa celebración no 2019 do Ano Internacional do Sistema Periódico, declarado pola ONU para conmemorar os 150 anos da presentación por parte do químico ruso Dimitri Mendeleev, o 6 de marzo de 1869, da súa táboa periódica. Naquela primeira versión constaba de 63 elementos; hoxe son 118 e xa se propuxo o 119.

Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro, profesores de química inorgánica da Universidade de Santiago e autores da guía, presentárona onte na Real Academia Galega, acompañados polo presidente, Víctor F. Freixanes, e o académico Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que edita a obra.

Participaron na revisión lingüística e terminolóxica as investigadoras Tania de Dios Miguéns, Beatriz Fariñas, Belén Poutón e Inés Veiga, un labor realizado desde o Servizo de Terminoloxía Galega que axudará a estandarizar as denominacións dos elementos químicos en galego.

A obra visibiliza ademais voces protagonistas da química, entre elas mulleres de grande importancia na historia do coñecemento.

21 ene 2019 / 21:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito