Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
novidade

A novela 'Sete palabras' profunda nas lagoas da memoria e da identidade

"Obrigueime a ver quen son", sinala Suso de Toro, que onte presentou o seu novo libro, publicado por Xerais tamén como e-book ·· "Entendo a vida a través da literatura", asegura

"Se túa avoa Valentina casou cun fantasma teu pai e teu tío serían fillos medio fantasmais. Ti coa cuarta parte de fantasma. Esa parte fantasmal túa, ese cuarto de substancia que che falta, esa mancadura de nacemento". Un baleiro na memoria familiar. Un rastro perdido na singradura da emigración a América. Un implacable "foise, e non se soubo máis del" que abanea a identidade dos que quedaron. Que fere á muller, ao fillo e ao neto co proído da dúbida.

É o xermolo de Sete palabras, a nova novela de Suso de Toro, -editada por Xerais en formato papel e e-book-, que onte presentou en Santiago. Unha obra resultado dun "acto violento de coñecemento. Obrigueime a min mesmo a recuperar a historia da miña familia. Obrigueime a ver quen son. Un neto de campesiños por parte de nai e de pastores por parte de pai. De xente da que pouco sabía e á que aprendín a querer, co libro", segundo explica nunha entrevista.

A novela recrea o proceso de investigación do autor sobre o seu avó paterno. Un neno orfo. Criado en Zamora. Condenado pola moral católica a servir e a estar agradecido. Que casara cunha muller maior ca el, coa que tivera dous fillos. E desaparecera na súa viaxe a América. Na emigración. Na loita por escorrentar a miseria.

Retratar un fantasma

"Non sabía nin como se chamaba meu avó. Tiven que reconstruír, retratar un fantasma, alguén de quen ninguén sabía nada. En todo momento, houbo un toque de maxia. Como se a maxia intervise para darme pequenas pistas. Pero é unha novela, non un ensaio. É unha historia contada por un narrador, que non sei quen é: se cadra encargoume esta historia a miña avoa Valentina, ou meu pai... Hai unha selección, e unha confusión entre a realidade e a ficción. Pero, como eu creo que a ficción é o único modo de entender a vida, creo que contén moito de verdade", subliñou.

A experiencia da dor e da pobreza son alicerces da historia de Sete palabras. Como o é a vivencia da literatura. Da palabra. Coas súas contradicións. "Entendo a literatura dun modo radical. Entendo a vida a través da literatura. Por iso a frase de 'todo ti es literatura' é un xogo radical no que acabas contaminado. Toda a vida: a persoal, a social, é literatura, no sentido de que se entende a través de argumentos. E este é un libro absolutamente literario. Un libro escrito por un narrador que é escritor, que trata de xente iletrada, de persoas alleas aos libros. E fala tamén do elitismo, da parvura, da exquisitez, da repugnancia, do seu propio mundo, o dos escritores. A xeito de autocrítica", sinala.

17 nov 2009 / 21:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito