Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Novo asfaltado para o polígono industrial de Espiñeira, en Boiro

Inclúe pavimentación específica para tráfico pesado // Investíronse nesta obra 116.300 €

O Concello de Boiro vén de inaugurar a obra da segunda fase do polígono industrial de Espiñeira, na que se realizou unha pavimentación dunha vía desta área de 620 metros de lonxitude e unha superficie de 7.440 metros cadrados.

O alcalde, José Ramón Romero; o concelleiro de obras, Luis Ruiz; o arquitecto municipal e o presidente da comunidade de propietarios do polígono, José Manuel Avelleira, realizaron unha visita para comprobar os resultados dos traballos.

A intervención consistiu nun pavimentado específico para tráfico pesado e que garante a máxima vida útil. Asemade, na execución dos traballos empregáronse setenta toneladas de material reciclado procedentes de obras de construción.

O proxecto, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tivo un custo total de 116.300 euros. O edil Luis Ruiz destacou a importancia desta actuación, a cal "se rematou nun prazo de tres días grazas á planificación dos traballos e a coordinación coa empresa adxudicataria, coa intención de causar o menor trastorno á actividade empresarial da zona".

Pola súa banda, José Ramón Romero, fixo fincapé en que "esta obra, xunto coa instalación de cámaras de vixilancia, é unha das medidas coas que se busca darlle vida ao polígono", dixo, asegurando ademais que van "mellorar a súa seguridade así como tamén potenciar o emprego".

23 oct 2019 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito