Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
01:44
h
letras

O anuario 'Indesinenter' destaca o interese de Espriu por Galicia

A publicacion inclúe artigos de Xosé Lois García, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro, Basilio Losada e Xesús Alonso Montero ·· Textos inéditos revelan a relación do renovador das letras catalás e a cultura galega

O anuario Indesinenter céntrase no seu segundo número nas relacións entre o escritor e renovador da literatura catalá Salvador Espriu (1913-1985) con poetas e intelectuais galegos. Basilio Losada, Xosé Lois García, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro e Xesús Alonso Montero escriben artigos que indagan no intercambio cos escritores galegos.

A achega de cartas e documentos inéditos amosa como estes contactos supuxeron para o catalán unha canle importante de coñecemento da lingua e da literatura galegas. Inclúense tamén traducións inéditas de Helena Villar Janeiro e de Xesús Rábade Paredes de poemas de La pell de brau e unha recensión bibliográfica dos libros de cultura galega que pertenceran á biblioteca de Espriu así como un conxunto de fichas de temas galegos que o poeta redactou para uso persoal.

Ao longo destes textos, revélase o interese de Espriu pola ­literatura do país, sobre todo, por obras como Sete poemas galegos, de Federico García Lorca, Os dous de sempre, de Castelao, e Follas Novas, de Rosalía de Castro, un título no que valora a capacidade da autora galega por transmitir á vez o individual e o colectivo así como o nu dos seus versos.

Este segundo número complétase coa transcrición dunha conversación entre Joaquim Marco i Jordi Cerdà Subirachs -autor da edición crítica de Llibre de Sinera, Per al llibre de salms d'aquells vells cecs, Setmana santa-, e un estudo de Pere Ballart sobre unha das narracións máis coñecidas de Espriu: Conversió i mort d'en Quim Federal.

Ademais, cúmprese agora un ano da presentación do primeiro número de Indesinenter, o anuario Espriu, que xurdiu co obxectivo de converterse no espazo de referencia para a publicación de estudos arredor da obra de ­Salvador Espriu, así como para a difusión de novos materiais.

Galego e guaraní

Dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística reuníronse onte en Santiago de Compostela con representantes de movementos da lingua guaraní no Paraguai. Perla Álvarez Britez, profesora do Ateneo da Lingua Guaraní e membro do Movemento Campesiño paraguaio, e María Eva Mansfield de Agüero, directora da licenciatura en Lingua Guaraní da Universidade Nacional de Asunción, visitaron o país convidadas pola Fundación Galiza Sempre, que dirixe Xabier Macías.

A pesar da distancia xeográfica, o galego e o guaraní comparten retos semellantes, tal e como se puxo de manifesto na conferencia celebrada onte no Club Internacional de Prensa. Para o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, "o mundo non ten só tres ou catro cores, é un mundo de diversidade". Neste sentido, dixo que "cómpre establecer puntos de diálogo".

20 nov 2007 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito