Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
desde as bancadas

O Club Natación Santiago

    A natación é un dos deportes cuxas orixes se perden na noite dos tempos. Xa nas pinturas rupestres da Idade de Pedra temos exemplos que o testemuñan. Na era moderna, as competicións de natación instituíronse a fins do século XVIII na Gran Bretaña, chegando a formar parte dos primeiros Xogos Olímpicos modernos, celebrados en Atenas en 1896.

    Como non podía ser ­doutra maneira, dentro dos deportes de auga practicados en Santiago, a natación, modalidade por excelencia, conta cun club, o Club Natación Santiago, fundado no ano 1.986 e presidido na actualidade por Xesús Pérez Martínez.

    En tan dilatada historia, o club pasou por varias etapas, e en todas elas tivo sempre grandes nadadores que todos os anos destacaron nos campionatos galegos e en todos os anos tivo representación nos campionatos de España.

    Dos nadadores máis coñecidos que saíron do Club Natación Santiago podemos salientar o triatleta internacional Iván Raña, campión do mundo de triatlón no ano 2.002 (subcampión no 2.003 e tamén no 2.004) e duplo campión de Europa (anos 2.002 e 2.003), así como diploma olímpico nas Olimpiadas de Sydney.

    Outro dos nadadores destacados do club foi Daniel Caamaño Gómez, que aínda ostenta actualmente os records galegos de 50, 100 e 200 braza, sendo medalla de ouro no Campionato de España, chegando a nadar nos campionatos de Europa.

    Quizais o último gra nadador saído das filas do Club Natación é Marcos Vázquez, plusmarquista dos galego de 100 e 200 libres, tamén medalla de ouro nos campionatos de España e dúas medallas de bronce nos Campionatos de Europa do ano 2.006, sendo o único nadador galego que logrou atinxir unha medalla no Europeo.

    Na actualidade, o Club compite na primeira división da liga da Federación Galega de Natación, con varios nadadores e nadadoras de calidade que participan nos campionatos de España, aínda que non en número suficiente para competir con garantías a un título de carácter colectivo.

    O obxectivo do Club nestes momentos é manterse na categoría, pois cos medios de que se dispón é impensábel loitar contra os grandes clubs galegos que contan con piscinas de 50 metros (Galaico de Pontevedra, Pavillón de Ourense ou o Natación-Coruña) ou con piscinas de 25 metros para o seu uso exclusivo (Club Natación Ferrol e CN Marina Ferrol, Fogar Natación de Carballo?).

    Por iso no club están á espera da creación de novas instalacións e, en especial, da ansiada piscina olímpica.

    Na presente tempada, o club conta con cento cincuenta licenzas de nadadores/as con idades comprendidas entre os seis até os vinte e un anos.

    Os maiores esforzos diríxense a potenciar a canteira, a base, na súa Escola de Natación e ir así nutrindo as categorías superiores. Xa que logo, é un club moi novo, pois o 80 por cento dos nadadores non pasa dos 14 anos.

    O prestixio do Club de Natación Santiago entre os demais clubs galegos e na Federación Galega da especialidade levou a que nos últimos catro anos fose a entidade encargada de organizar os Campionatos Galegos Absolutos de Natación de Inverno e neste ano volva repetir no cometido.

    10 ene 2008 / 00:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito