Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
lóstregos

O escultor Villlapol

    Na Bretoña, parroquia das terras luguesas da Pastoriza, dalle feitío artístico a materiais como granito, madeira, ferro, bronce ou mármores, o escultor Fernando Villapol. Prefire a madeira, e sobre todo o castiñeiro, inda que ten pezas de teixo, carballo e oliveira.

    A súa producción é moi variada. Arrinca da experiencia popular, e vainos mostrando unha linguaxe poética moi persoal, mensaxes con frecuencia cargadas de humor e de retranca. Viaxou por Europa e América e foi asimilando a obra dos grandes mestres. Unha singularidade que caracteriza o seu facer é que algúns dos seus proxectos veñen de interpretación de personaxes literarios de escritores galegos.

    Daquelas terras é tamén un noso amigo de hai moito: Dino Pacio Lindín, home singular que leva a cabo unha obra docente e social, en Nova Iork, de cara ós máis desfavorecidas.

    Pero o noso escultor, máis alá da súa obra creativa, botou a andar unha iniciativa local de moita valía: creou o Museo Pedagóxico-Etnográfico de Bretoña. Nunha antiga casa de pedra restaurada, á beira de pintores de vangarda, vellos libros e documentos, fotografías, trebellos, ferramentas, berces, xoguetes tradicionais e canto pode dar fe dun pasado artesán e labrego. Alí todo é historia, cultura, lembranza dos traballos da terra, do xeito de vivir dos poboadores da comarca, do modo ser de nenos e adultos en tempos idos, polo que teñen un valor didáctico para as novas xeracións.

    Villapol (que ten unha colabora imprescindible en Antonia, a súa compañeira, mestra de profesión). Todo un privilexio para ese recanto entrañable no que se asentaron séculos atrás fuxitivos das illas británicas cando a invasión anglosaxona. Alí fundouse a primeira igrexa céltico-cristiá. E todo explica a razón do topónimo.

    O noso artista recibiu diversos premios, individuais e colectivos. Merece un aplauso como artista e impulsor da cultura popular.

    27 oct 2007 / 23:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito