Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

¿Onde está Diego Xelmírez?

Conta a "Historia Compostelá" en repetidas ocasións, que o arcebispo Diego Xelmírez se preocupaba tanto das cousas seculares como dos asuntos eclesiásticos ("saecularia tamen prout decebat proinde pertractabat, videlicet, ut eclesiastica tota animi intentione disponeret, et saecularibus quantum suam intererat curam adhiberet", HC, II, c. 23)

Ben facendo política interior e exterior cos poderes relixiosos: coa orde de Cluny ou Roma, cos metropolitanos doutras sedes rivais... ou cos poderes civís: co conde de Traba ou a raíña dona Urraca, tomando partido e coroando a un neno de sete anos como rei de Galicia, implicándose directamente no remate da catedral, preocupado pola seguridade e protección dos peregrinos, buscando un bo mestre na arte da fundición de campás para restituír as queimadas na revolta de 1117, promovendo a especialización profesional dos burgos artesáns, collendo - non precisamente prestadas - reliquias dos santos mártires de Braga (pío latrocinio), non esquecendo aos normandos... pois sendo como foi, fillo de Gelmirio, quen fora un cabaleiro que ao servizo do bispo Diego Peláez se encargara da protección dos ataques no Ulla, e nomeado Señor da Mahía e de Iria, mamou de ben pequeno as incursións de daneses e sarracenos. Nesta liña planificou a construción dunhas galeras de combate para saír da ría e buscar aos inimigos en mar aberto, sufragando uns estaleiros e contratando pilotos de barcos traídos de Xénova, Arlés e Pisa.

Facía un reparto das ganancias para fomentar o éxito da empresa, obtendo así, seguridade marítima e prisioneiros empregados para carrexar pedras a Compostela. Hai quen sostén que puido ter nacido en Catoira, onde seu pai gobernaba o Castelum Honestum (Torres do Oeste). Viviu uns 75 anos, algo non moi común para a época, finando en 1140.

Pero, que era Compostela antes e despois de Xelmírez? Pois, nada e todo! Compostela naceu para protexer as reliquias do Apóstolo e afastalas da beira do Ulla, pero foi Xelmírez quen a converteu nunha das provincias eclesiásticas máis ricas e coñecidas de Europa, e nun dos centros espirituais máis importantes do cristianismo, herdanza que chega ata o día de hoxe. Hai quen non ve nel a un home de Deus, piadoso e orante, quen o acusa de ser ambicioso e pouco relixioso, con actos pouco éticos para o seu cargo, porén estes perfís non sempre responden a segundo que arquetipos. Lembremos por exemplo ao guerreiro bispo Sisnando ou o coñecido pasaxe lucano de Marta e María, inmortalizado por Velázquez e que salienta o debate entre a vida activa e a contemplativa. Xelmírez soubo xogar as súas cartas nunha época onde as alianzas non eran perpetuas e os amigos de hoxe eran os inimigos de mañá, onde a espada e a reconciliación pendían dun fío.

Na medida que foi medrando fixo medrar a Compostela, sendo o seu primeiro arcebispo. Home culto e formado, consigue de Calixto II (1120) a independencia xurídica (dependente da sede de Braga) e a elevación de Santiago a sede arcebispal. Un camiño nada doado, pois tivo que ir e vir de Roma coas mans valeiras cando anos atrás facía a mesma petición a Pascual II e só conseguía permiso para usar o palio (reservado aos arcebispos). Son estes momentos baixo medievais moi interesantes para os nacentes reino-estados peninsulares. A desconfianza entre cargos, persoas e institucións era o noso pan de cada día.

Unha raíña que se enfronta ao seu fillo e marido, un bispo a outro, un bispo ao poder político, o pobo ao poder relixioso... Por iso Xelmírez foi ávido negociador e soubo reclamar a sede nun momento en que o arcebispo de Braga, Mauricio, viña de auto proclamarse Papa, co nome de Gregorio VIII (excomungado e considerado antipapa pola Igrexa). As razón polas que finalmente Mérida ocuparía o lugar de Braga en favor da dignidade de Santiago como sede metropolitana están nas bulas Omnipotentis Dei (1120) e Potestatem ligandi (1124). O gran poder eclesiástico acadado por Diego Xelmírez viña espertando receos nos arcebispados de Toledo e de Braga, receos que abranguían ao ámbito persoal.

Os seus movementos políticos non foron menos apaixonantes: Comeza a súa andaina a carón do Conde de Traba (D. Pedro Froilaz), de Raimundo de Borgoña e a súa esposa, a por entón infanta dona Urraca, sendo el o cuarto pé do banco. Iníciase como notario da parella que ía herdar de Afonso VI o reino de Galicia, un reino dividido en dous para que a outra filla do rei e irmá de Urraca, Tareixa, esposada con Enrique de Borgoña herdara o sur, o condado Portucalense. A morte de Sancho en Uclés (1108), o seu irmán varón, precipitaría os acontecementos. Portugal acabaría en reino e Galicia non. Pero o conde de Traba e Xelmírez moverán ficha nun último intento para contar con reino propio e promover e coroar nunha cerimonia oficial na catedral de Santiago, o 17 de setembro de 1111, ao infante Afonso Raimúndez, futuro Afonso VII, como rei de Galicia. Os tempos de Xelmírez son tempos moi convulsos. O neno-rei fora raptado por Arias Pérez e recluído no castelo de Pena Corneira, en Leiro, xunto coa condesa de Traba. Xelmírez estivo preso en dúas ocasións, unha, nesta fortaleza cando quixo interceder polo futuro rei, a primeiros do ano 1111, outra en 1121, por orde da raíña dona Urraca, onde compartiría cela co seu irmán Munio, que falecería en prisión. O motivo, non especificado na "Historia Compostelá", puidera ser o control dos castelos de Santiago.

Entrementres, pactos, alianzas apócrifas ou perecedeiras, acordos e contra-acordos como o chamado "pacto do Tambre", que poñía algo de paz entre nai e fillo... Poida que fora ou non polas novas que viñan polo Camiño dende Francia, pero en 1112 e segundo conta Guibert de Nogent, os fregueses nunha revolta comuneira abriron cunha machada a cabeza do seu bispo, Gaudry, en Laon, na Picardía francesa. Sorte semellante puido correr o noso arcebispo, pois os burgueses composteláns amotináronse uns anos despois, en 1117, contra a presión feudal. Aproveitando que estaban xuntos a coroa e a mitra (Urraca e Xelmírez) prenderon lume á catedral e entraron buscando sangue. Xelmírez apropiouse da capa dun vagabundo e co embozo da capa fuxiu polos tellados, mentres a raíña medio espida entre a lama, levou algunha que outra pedrada.

Non me digan vostedes que o século XII non foi entretido por Compostela! Semella que a raíña llas gardou a Xelmírez, pois catro anos máis tarde prendeuno como xa dixemos. Pero agora os composteláns clamaban polas rúas pedindo a liberdade do seu arcebispo, esquecendo o pasado e lembrado o seu labor organizativo á hora de rexeitar un ataque almorábide no ano anterior.

É innegable que Diego Xelmírez foi un persoeiro clave para a historia de Galicia e particularmente de Compostela. Pero un home deste calado, primeiro arcebispo dun dos santuarios máis importantes da cristiandade, onde está soterrado? onde repousan os seus restos? a súa lauda sepulcral? Pois, nada se sabe. Un estraño silencio historiográfico pende sobre a súa morte. O profesor de Historia Medieval da Universidade de Vigo e técnico do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago, Xosé M. Sánchez, vén de publicar un artigo no último número da revista Compostellanum moi interesante e revelador, o máis que posible enterramento catedralicio do arcebispo, lembrando o lugar onde o xeorradar atopara posibles anomalías en 2007: o subsolo da Antesancrístía e a sala antecedente ao vestiario dos cóengos.

Desbotada a tese dunha fuxida da escena política e da cadeira catedralicia no seu momento postremeiro, buscando un retiro fóra de Compostela, o autor súmase á proposta de localización feita no seu día por López Ferreiro. Un artigo de recomendable lectura con anotacións históricas para informarnos, por exemplo, da prohibición de inhumar corpos dentro das igrexas, recollida no código de Teodosio e puntualizada no I Concilio de Braga do ano 561 (canón XVIII), prohibición que se constata aínda no código Graciano (s.XII), século a partir do cal personaxes notables comezan a sepultarse xa, no interior dos templos.

Outra achega imprescindible é a de E. Portela Silva, El báculo y la ballesta. Diego Gelmírez (c. 1065-1140). É certo que a "Historia Compostelá" é unha historia de parte, unha crónica mandada facer polo propio Xelmírez a distintos escribáns para inmortalizar os feitos, pero non é menos certo, como afirma o catedrático da USC, que só se lle ocorreu a el e non a outros prelados importantes do seu tempo, como os de Toledo, Braga ou Oviedo.

Como compostelán sinto que teño unha débeda coa historia, máis alá de ser ou non crente, máis alá de que Xelmírez fora ou non unha boa persoa, máis alá da súa política de alianzas e traizóns, porque para ben ou para mal influíu e condicionou a historia que chegou ata nós. A pregunta que me fago, tamén é para vostede: se como parece, hai serias sospeitas de saber o lugar aproximado onde pode estar o sartego de Xelmírez, debemos buscar e exhumar os seus restos ou non? Permítanme, sen pudor, facer pública a miña resposta: - Xa estamos tardando!

PROFESOR ENSINO SECUNDARIO

26 ene 2019 / 20:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito