Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ortoño prepárase para desfrutar o día 14 da Festa do chourizo ao viño

    A parroquia de Ortoño celebra este domingo, 14 de xullo, unha nova edición da súa tradicional Festa do chourizo ao viño. A iniciativa organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural que leva o nome da festa, chega á súa decimo quinta edición acompañada pola degustación da orella de porco cocida, que este ano cumpre oito anos.

    O xantar terá lugar na Carballeira de San Xoán e estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Retranqueiros e a Tuna de Dereito de Santiago. Ademais, actuarán o dúo Eva e Camilo, así como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Os tíckets para xantar poderanse adquirir o domingo no campo da festa.

    A xornada dará comezo ás 12.15 horas cunha misa. De seguido, a partir das 13.00, serviranse as primeiras cuncas de Ribeiro, racións de chourizo ao viño acompañadas por cachelos, e de orella de porco cocida. Os membros da propia organización serán encargados de cociñar todos os pratos, arredor dunhas 500 racións de orella e 1.000 de chourizo, para dar de comer ao público.

    A tarteira de barro con chourizos, cachelos, pan, viño, xeado e café custa 9 euros. As persoas que queiran repetir poderano facer por un prezo de 4 € máis. Por outra banda, un prato de orella con pan e viño custa 5 euros.

    Na zona instalarase unha carpa para resgardar as mesas. O xantar estará amenizado pola banda Os Retranqueiros e pola Tuna de Dereito de Santiago. Mentres se serven os cafés e a sobremesa, comezará a soar a música do dúo Eva e Camilo, que acompañará á festa ao longo da tarde. Ademais, a partir das 19.00 h, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre subiranse ao escenario para presentar Noró (Algunhas músicas do norte), o seu último traballo.

    11 jul 2019 / 21:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito