Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outorga a RAGC as súas primeiras Medallas de Investigación a cinco científicos galegos en activo

Os distinguidos hoxe, Carlos Diéguez, Alfredo Bermúdez de Castro, José Luis Mascareñas e Mª Teresa Moreira, da USC; con Xavier Labandeira, da Uvigo

Cinco investigadores galegos en activo reciben hoxe as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias, que recoñece na súa primeira edición a traxectoria consolidada de cinco científicos da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

A entrega terá lugar no acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca, e no que se homenaxeará a figura de Tomás Batuecas, referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos, e se outorgarán os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.

A medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, correspóndelle a Carlos Diéguez González (San Xoán de Río, 1955), director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O catedrático de Fisioloxía da USC, con máis de 35 anos de investigador, é un referente a nivel mundial no campo da neuroendocrinoloxía. Os seus máis de 580 artigos científicos foron publicados en revistas de gran prestixio como Nature ou The Lancet e ten dirixido máis de 40 proxectos de investigación.

Alfredo Bermúdez de Castro (A Coruña, 1950) recibe a Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.

O catedrático de Matemática Aplicada da USC está recoñecido pola comunidade científica internacional como figura clave no desenvolvemento da súa disciplina en España.

Tivo un papel pioneiro no establecemento de pontes entre a matemática e a industria.

A catedrática de Enxeñería Química da USC María Teresa Moreira (Mugardos, 1969) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal.

Especializada en enxeñería bioquímica e en xestión do ciclo de vida, ten publicados máis de 300 artigos científicos neste ámbito e unha dilatada experiencia en transferencia de resultados de investigación, con sete patentes rexistradas.

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria de Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967), catedrático de Economía da Uvigo e director do centro de investigación Economics for Energy.

O seu prestixio no ámbito da economía climática, pública e enerxética posicionouno como autor principal dos informes de avaliación do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) e membro do comité de transferencia a decisores políticos da Asociación Europea de Economistas Ambientales e de Recursos.

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da seccion de Química e Xeoloxía.

Catedrático de Química Orgánica da USC, é un dos responsables da introdución en España da química biolóxica. Obtivo unha Advanced Grant, a axuda de investigación máis prestixiosa do Consello Europeo de Investigación (ERC).

No día da ciencia en Galicia

A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso de Galicia. No acto de hoxe homenaxéase a figura de Tomás Batuecas, o primeiro catedrático de Química Física en España, habilitada na USC en 1932.

07 oct 2019 / 21:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito