Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Patentan un sistema gallego que automatiza la medición del índice arterio-venoso

    Unha investigación coordinada entre as universidades de Santiago e A Coruña e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) permitiu validar un novo sistema de imaxe médica como ferramenta para calcular o Índice Arterio-Venoso (IAV), un indicador de grande utilidade no tratamento de enfermidades con alta incidencia social como a hipertensión ou a diabetes. No proxecto participaron investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS) e do Grupo de Visión artificial e Recoñecemento de Patróns da Universidade da Coruña xunto con médicos do CHUS.

    Estes grupos traballan na plataforma SIRIUS (System for the Integration of Retinal Images Understanding Services - Sistema para a Integración de Servizos de Procesamento de Imaxes de Retina), que integra varios procedementos do ámbito da oftalmoloxía sendo o máis desenvolvido o cálculo automático do IAV. A plataforma permitirá a detección temperá de patoloxías asociadas a distintas enfermidades, facilitando o seguimento de pacientes crónicos. O seu funcionamento baséase na análise e procesado automático de imaxes da retina, co obxecto de detectar calquera alteración reflectida na súa micro-vasculatura  (os vasos sanguíneos situados no fondo do ollo).

    O Índice Arterio-Venoso (IAV), a relación entre o grosor medio das arterias e o das veas máis próximas, foi ata hoxe un indicador moi pouco utilizado entre os profesionais da comunidade médica debido principalmente á complexidade asociada ao seu cálculo: obter unha media do calibre dos vasos sanguíneos oculares requiría a dedicación exclusiva dun oftalmólogo para seleccionar e procesar manualmente a información, o que se traducía nun elevado custo de recursos dedicados por parte do sistema de saúde, facendo o método inviable.

    Agora SIRIUS logra automatizar este proceso. A partir dunha retinografía en cor, a aplicación aborda a detección automática do disco óptico, a selección dos vasos oculares e a medición do seu calibre, clasificándoos en arterias ou veas segundo a súa intensidade cromática e posición no globo ocular -tal e como faría un médico especialista-. A análise satisfai tamén unha demanda dos facultativos xa que se trata dun proceso «repetible», que logra igualar os resultados das medicións practicadas, con independencia do número de veces que estas se realicen.

    Deseñado de forma modular e centralizada, o sistema conta cunha base de datos onde se almacena toda a información achegada de xeito remoto polos médicos. Esta versatilidade facilita a identificación instantánea de posibles complicacións, funcionando como alarma en caso de que se produza unha evolución negativa da enfermidade.

    Unha tecnoloxía, dúas patentes

    A retina é a única parte do organismo na que a estrutura vascular e a circulación sanguínea poden ser observadas en vivo. Diversos estudos médicos estableceron a relación entre a microcirculación retiniana e outras patoloxías xerais, como a hipertensión, a diabete ou o alzheimer. SIRIUS non só permite monitorizar o estado dos pacientes senón que, ademais, proporciona un ámbito que posibilita a realización de estudos médicos nos que interveñan distintos centros hospitalarios.

    A investigación xerou xa dúas patentes en Estados Unidos. A primeira delas integra o proceso manual ou semi-automático, coñecido así porque concede ao facultativo certa marxe de manobra. Este proceso consta, á súa vez, de dúas fases, unha inicial na que intervén unicamente o módulo de extracción automática de segmentos de vasos seguindo a metodoloxía utilizada polos especialistas, e outra manual na que o oftalmólogo clasifica os vasos detectados como veas ou arterias, completando así os datos que o módulo utilizará posteriormente para calcular o IAV.

    No caso da segunda patente os vasos sanguíneos son catalogados de xeito automático, polo que non é necesaria a intervención dun oftalmólogo. O sistema detecta se se trata de arterias ou veas e mostra os resultados ao especialista para que verifique a selección -ou realice as correccións oportunas- antes do cálculo final do IAV.

    O estudo validouse a partir dun ensaio clínico con pacientes hipertensos. Tras subministrarlles un medicamento utilizouse a plataforma SIRIUS para verificar a evolución do seu IAV, observando que este melloraba. A análise de resultados confirmou que os datos incorporados ao sistema correspondíanse co estado real da vasculatura ocular dos pacientes.

     

    19 mar 2013 / 13:25
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito