Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ enlazarte }

O pensamento crítico

    HAI un par de semanas colaborei na clase maxistral do filósofo e profesor de Filosofía da Universidade de Harvard Michael Sandel, celebrada na HUBweek de Boston, un macroevento de pensamento creado pola Harvard University, o MIT, o xornal The Boston Globe e o Massachussets General Hospital. O simposio, dunha semana de duración, abría con esta clase maxistral, Fenway Forum, e coa pregunta "Que é o correcto? (What is the right thing to do?)".

    O profesor Sandel propoñía preguntas sobre "como o ser humano pode encontrar o seu camiño nun mundo no que a tecnoloxía nos da un poder sen precedentes para cambiar a natureza do ser humano
    e ao ser humano per se". E
    as preguntas estaban dirixidas a persoeiros da cultura americana presentes como alumnos, entre eles o cellista Yo-Yo Ma, a periodista e editora Arianna Huffintong, ou os profesores de MIT Andrew McAfee
    e Sheryl Turkle.

    O evento estaba previsto para o estadio dos Red Sox, Fenway Park, cunha capacidade dunhas 37.600 persoas. E esgotáronse as entradas, mais pola amenaza do furacán Xaquín tivo que ser movido ao histórico Faneuill Hall (cunha capacidade dunhas 1.000, e co resto da audiencia vendo a clase en directo en pantallas nos hoteis colindantes). Pero, parémonos a pensar: unha clase maxistral de Filosofía nun estadio de béisbol? Con 37.600 entradas esgotadas?

    Fun unha das afortunadas de poder asistir (básicamente porque o evento abría coa música do ensemble de Yo-Yo Ma, do que formo parte) e tiven a honra de preguntarme a min mesma preguntas que nin sequera tiña pensado, de razoar, de ter unha visión crítica sobre temas tan actuais como a mutación e selección xenética ou preguntarme sobre a ética das novas app que saen para subastar lugares de aparcamento nas rúas das cidades con máis problemas de espacio... e de repente pensei, por que no noso país seguimos a limitar o pensamento crítico das novas xeracións? Que estamos a facer mal para non entender o incríble poder da Filosofía na formación da personalidade individual e colectiva? Por que lle sacamos importancia á asignatura de Filosofía do noso sistema educativo? Por que lles deixamos facelo? Sen pensamento crítico non hai cultura, non hai creatividade, non hai personalidade nin individualidade… Non hai razón.

    A nova reforma educativa coloca á Filosofía no mesmo cuarto escuro no que colocou a música… qué vai pasar despois? Non quero nin pensalo.

    Gaiteira e pianista

    18 oct 2015 / 20:59
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito